Os «vendedores de bombillas» apostan pola industria cultural

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

MONFORTE DE LEMOS

O encontro foi presentado onte no centro cívico do Malecón, onde se desenvolverán mañá as actividades
O encontro foi presentado onte no centro cívico do Malecón, onde se desenvolverán mañá as actividades

Profesionais de diversos sectores creativos reúnense mañá en Monforte

24 abr 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

«Gustaríame vender bombillas» -entendendo bombillas por ideas- é o lema baixo o que se celebrará mañá en Monforte a primeira Xuntanza de Creadores e Xestores Culturais, unha iniciativa que arranca na comarca de Lemos pero que ten vocación de ampliarse a toda Galicia. O seu obxectivo é a creación dun foro permanente que reúna a profesionais de todos os ámbitos da creación cultural e que sexa capaz de impulsar novos proxectos e dinamizar un sector especialmente afectado pola crise.

O encontro desenvolverase no centro cívico do paseo do Malecón -onde foi presentado onte ao mediodía- e conta co apoio do Concello de Monforte, o consorcio turístico, o consello regulador da denominación Ribeira Sacra e a asociación provincial de hostalería.

Quince empresas

O programa consistirá en boa parte nun simposio no que quince empresas e profesionais de diversas disciplinas explicarán as súas respectivas actividades e as dificultades polas que pasan no actual contexto socioeconómico, ademais de intercambiar ideas coa fin de impulsar e consolidar a industria cultural na comarca e no resto de Galicia.

Entre os participantes hai profesionais de sectores variados, como a música, o audiovisual, as artes plásticas, a fotografía, o teatro, o deseño dixital e a recreación cultural histórica. Os promotores do encontro -que o idearon e o organizaron en só tres semanas- pretenden que teña novas edicións nos próximos anos e que chegue a agrupar a profesionais de todas as localidades galegas. O novo foro de creadores tamén pretende estar activo de maneira continuada nas redes sociais.

Intercambio de ideas e propostas en vivo e a través de Internet

O programa de actividades comezará no centro cívico ás doce do mediodía coa apertura dunha exposición que mostrará os traballos realizados en diferentes campos polos participantes nesta xornada. Ás 12.20 comezará unha primeira sesión de relatorios, que será seguida doutras dúas ás 16.20 e ás 18.30 horas. Todas estas intervencións serán gravadas en vídeo e difundidas nun canal específico en YouTube. A xornada pecharase cunha festa no pub Zoco -ás 23 horas-, animada polo grupo Funkombo.