«Agardamos que en cinco anos as biopsias líquidas sexan habituais»

Carlos Cortés
carlos cortés MONFORTE / LA VOZ

MONFORTE DE LEMOS

CEDIDA

Onte celebrouse en Monforte unha charla para recoller fondos para unha investigación sobre este tipo de probas

28 mar 2017 . Actualizado a las 13:00 h.

Laura Muinelo percorre este días Galicia para pedir colaboración na campaña de recollida de fondos que ten en marcha o grupo de oncoloxía médica translacional (Oncomet) do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago para axudar a estender a implantación das denominadas biopsias líquidas, unha alternativa menos agresiva para o paciente e, indirectamente, tamén máis eficaz á hora de deseñar tratamentos contra determinados tipos de cancros. Esta bióloga de Vigo é a responsable da unidade de análises de biopsia líquida do Oncomet. Onte explicou as razóns desta recollida de fondos no centro da terceira idade de Afundación en Monforte.

-Cantos cartos lles faltan?

-Levamos recadados algo máis de 330.000 e precisamos chegar aos 500.000 nos dezaseis días que quedan de campaña

-Por que unha campaña así? Non tiñan outras vías para financiala?

-Sempre conseguirmos os cartos para proxectos a través de convocatorias de institucións públicas e de fundacións privadas, pero neste caso concreto trátase dun traballo que ten un custe bastante elevado e financialo por outras vías ía levar tempo, e igual nin o conseguíamos. Pero é que ademais parécenos unha boa maneira de implicar á sociedade nos nosos proxectos

-Para que vai servir esta investigación?

-O seu obxectivo é identificar novos marcadores e novas técnicas que permitan facer medicina máis personalizada para doentes con cancro. En termos prácticos, queremos adquirir dous equipos, un para analizar as células tumorais que están no sangue dalgúns doentes e outro para o material xenético que atopamos no sangue. Tamén queremos contratar un investigador especializado no cancro e finalmente financiar a realización de análises dun número elevado de mostras, arredor de trescentas

-E en que o van notar os pacientes?

-Agardamos que os resultados nos vallan para validar técnicas que sirvan para escoller mellor as terapias a aplicar en doentes con cancro, polo menos nunha parte deles.

-A biopsia líquida non se pode usar en todos os tipos de cancro.

-A idea é que co tempo se poida aplicar na maioría.

-E por que é máis eficaz que as biopsias comúns?

-A biopsia líquida faise con mostras de sangue e as comúns utilizan mostras de tecido. A biopsia líquida é moito menos invasivo e permite analizar o tumor de forma dinámica. É dicir, podémolo analizar cada mes ou cada dous meses, por exemplo, para ver se o tratamento está funcionando. Con mostras de tecido non é posible, porque non podemos someter a un paciente a ese tipo de biopsias todos os meses.

-En canto tempo pensan que se pode xeneralizar o seu uso?

-Só é unha estimación, pero agardamos que en cinco anos o seu uso estea máis xeneralizado. Quizais non se use aínda para todos os tipos de tumores, para todos os cancros, pero tanto os investigadores como os oncólogos confiamos en que dentro de cinco anos se empregue de xeito máis rutineiro que hoxe.

-Que tal está indo a campaña de difusión?

-Nós estamos máis acostumados a dar este tipo de conferencias no ámbito científico, pero penso que a xente entende ben o que significa esta iniciativa.

O que é

O grupo de oncoloxía médica translacional (Oncomet) ten a súa sede no Hospital Clínico de Santiago e traballa para a fundación Ramón Domínguez, unha entidade sen ánimo de lucro que ten como misión impulsar a investigación no ámbito sanitario dos hospitais públicos galegos

O que fai

Os profesionais do Oncomet forman un grupo multidisciplinar centrado na investigación das metástases