Un filme recupera a memoria do «médico dos pobres»

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

O INCIO

Un momento da filmación do documental sobre Manuel Díaz González
Un momento da filmación do documental sobre Manuel Díaz González CEDIDA

O día 14 estrearase en Lugo un documental sobre o antigo alcalde do Incio, asasinado por motivos políticos en 1936

05 oct 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Un documental de 90 minutos de duración recupera a memoria do médico e antigo alcalde do Incio Manuel Díaz González, asasinado por motivos políticos en 1936. O filme O médico dos pobres, dirixido polo realizador Federico Rioboo, foi producido por iniciativa da asociación A Memoria é Náufraga, que creou recentemente en Bóveda o centro cultural A Casa da Memoria. No edificio onde se encontra —na aldea de Xullán, na parroquia de Toimil— refuxiouse Manuel Díaz antes de ser capturado e morto.

Segundo explican os responsables da asociación, o proxecto conta co apoio económico das deputacións de Lugo e A Coruña, pero tamén de cerca de sesenta doantes que participaron nunha campaña de micromecenado organizada para axudar a financiar o documental. No filme participan familiares de Manuel Díaz e diversos expertos, como os historiadores Lourenzo Fernández Prieto e Antonio Míguez Macho, e o arqueólogo Xurxo Ayán. No documental foi recollido tamén o testemuño dun veciño de Laiosa —de máis de 90 anos— que viu ao médico cando era conducido por unha cuadrilla de falanxistas ata o lugar onde o mataron. «Entón era un rapaz de 7 anos e viunos desde o balcón da súa casa», sinala o tesoureiro da asociación, Julio Costa.

Un retrato de Manuel Díaz González, médico e antigo alcalde do Incio
Un retrato de Manuel Díaz González, médico e antigo alcalde do Incio

O título do filme corresponde a un dos sobrenomes polos que era coñecido Manuel Díaz González, quen atendía gratuitamente ás persoas de poucos recursos económicos. Tamén foi coñecido como «o pequeniño do Incio» pola súa curta estatura, que se debía a un problema de crecemento causado por unha meninxite que padeceu na infancia. O documental será estreado o próximo día 14 cunha proxección pública que se ofrecerá no Vello Cárcere de Lugo ás 19.30 horas. O filme será tamén proxectado en varios municipios das provincias lucense e coruñesa, en sesións acompañadas de coloquios. A continuación indícanse algunhas das localidades onde poderá verse a película. Os responsables do proxecto tamén pretenden exhibila en Monforte, A Pobra do Brollón e Samos, pero aínda non se concretaron as datas.

 Bóveda. Será ás 18.00 horas do 15 de outubro no centro sociocultural.

 Cabana de Bergantiños. Ás 16.00 do 7 de novembro no auditorio municipal.

 Muros. Será ás 20.30 horas do 10 de novembro no Centro Cultural e Xuvenil.

 Cee. Ás 19.00 horas do 11 de novembro no auditorio da Casa da Cultura.

 Oleiros. Ás 20.30 do 17 de novembro no auditorio A Fábrica.

 Noia. Ás 20.00 horas do 18 de novembro no Coliseo Noela.

 Quiroga. Será o 24 de novembro, pero a hora e o lugar aínda non se especificaron.

 Taboada. Ás 19.30 do 25 de novembro no Cuartel Vello.

 O Incio. Ás 17.00 horas do 26 de novembro nun local aínda non indicado.

 Chantada. Ás 20.30 do 1 de decembro no auditorio municipal.

 Sarria. Ás 19.00 horas do 2 de decembro nos locais da sociedade La Unión.