Sober, unha mina de petróglifos

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

SOBER

CARLOS RUEDA

Un novo achado eleva a 42 os lugares do municipio onde se encontraron conxuntos de gravados rupestres

12 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O patrimonio arqueolóxico do municipio de Sober acaba de enriquecerse cun novo conxunto de petróglifos descuberto por Óscar Alonso -membro da asociación cultural O Colado do Vento- na parroquia de Lobios. Os gravados encóntranse nas cercanías do chamado Camiño da Ribeira, que une a cabeceira da parroquia coa marxe do Sil. Segundo explica Alfonso Campos, integrante deste colectivo, o conxunto está formado por numerosos gravados circulares do tipo coñecido por cazoletas ou coviñas e tamén por algúns sulcos.

Os petróglifos encóntranse nun afloramento rochoso que sobresae do terreo nunha zona chá dunha considerable extensión. Campos indica que para observar ben todo o conxunto sería preciso limpar de musgo o penedo, o que a asociación espera poder facer despois de pedir permiso aos propietarios. Con este xa son 42 os conxuntos de gravados rupestres prehistóricos rexistrados no municipio de Sober, unha boa parte dos cales foron descubertos polo algúns dos membros desta asociación.

Localización por GPS

A intención do colectivo é agora realizar un catálogo detallado dos petróglifos do municipio no que figure a situación exacta de todos eles, marcada mediante coordenadas GPS. A información deberá completarse cunha colección de fotografías e debuxos nos que se reproduzan estes gravados. Este material -explica Campos- pode servir de base para elaborar unha guía que se espera poder editar coa axuda do Concello de Sober. «Máis adiante pódese decidir cales son os máis adecuados para sinalizar sobre o terreo ou para integralos en rutas de visita», agrega.

Hai varios anos, O Colado do Vento publicou na súa páxina web un inventario de petróglifos situados no municipio acompañado dun mapa, pero esta relación xa quedou obsoleta porque nela figuraban só dezaoito lugares. «Agora a situación é moi distinta porque desde entón foron aparecendo moitos máis e cremos que hai que esforzarse por divulgar este patrimonio», apunta Campos.

Os achados de petróglifos realizados pola asociación cultural non se limitan ao territorio de Sober. No veciño municipio de Pantón tamén levan localizado ata o momento 25 penedos con gravados rupestres que estaban anteriormente sen catalogar.