«No club só lemos libros en galego, ben sexa obra orixinal ou tradución»

María Cuadrado Fernández
maría cuadrado FOZ / LA VOZ

A MARIÑA

pepa losada

O colectivo contribúe a ampliar o fondo literario da biblioteca municipal de Foz

14 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Compartir lecturas, impresións, compartir tempo de ocio e afección. Son algúns dos obxectivos do club de lectura da asociación sociocultural A Pomba do Arco, de Foz. Teresa Rego Cabanas é membro activo e tamén a voceira deste club, fundado no ano 2010.

-¿Lembra como xurdiu a idea de pór en marcha o club?

-Fixemos unha primeira reunión á que invitamos a acudir a todo aquel que fose afeccionado á lectura. E, desde entón, seguimos reuníndonos.

-¿Con que periodicidade?

-Reunímonos unha vez ao mes e en cada ocasión analizamos un libro elixido previamente. Normalmente, son os últimos mércores de cada mes. Citámonos no local social que ten A Pomba, nos locais da Praza de Trégastel.

-¿Como fan a selección dos títulos?

-Aínda que a reunión é mensual, eliximos libros para ler a tres meses vista. Isto permítenos organizarnos mellor e poder solicitar o libro na biblioteca municipal.

-Deste xeito, tamén benefician ao resto da poboación focense...

-Si non hai ese libro na biblioteca solicitamos si o poden conseguir. Coa axuda da biblioteca foise ampliando o fondo de literatura en galego.

-¿Cal é o perfil dos membros que forman parte do club?

-Non hai un perfil tipo, pero poderiamos dicir que a maioría son mulleres de mediana idade. Hai xente que leva desde o principio, outros que o deixaron e tamén temos incorporacións que foron chegando de forma paulatina.

-¿Como estruturan o contido das reunións?

-Depende do xogo que nos dea o libro que toca ler. Acostumamos a quedar sobre as nove da noite e botamos máis ou menos unha hora. É un momento para compartir si nos gustou ou non a lectura, que foi o que máis nos chamou a atención... Moitas veces xorden conversas sobre un libro que te acaban levando a falar doutros libros que xa tocou analizar ou incluso sobre libros novos.

-¿Que tipo de libros len?

-Moi diferentes, pero só lemos libros en galego, ben sexa obra orixinal ou tradución.

-¿E por que só en galego?

-É de sempre. Correspóndese coa filosofía da asociación, que é á que pertence o club, moi volcado coa nosa lingua.

-¿Cal foi o libro elixido para este mes?

-A miña familia e outros animais, unha obra do naturalista Gerald Durrell.

-¿Que vantaxes reporta pertencer a este club?

-Permite a socialización e a reunión de xente que comparte a mesma afección. As lecturas e o debate permiten ampliar os coñecementos literarios.

-A parte das reunións, ¿organizan outras actividades?

-Promovemos encontros con algúns dos autores que lemos, tamén con críticos literarios, con editores..., vemos películas e organizamos outras actividades.

-¿É difícil manter con vida un club de lectura?

-As obrigas das persoas van cambiando e moitas veces un está limitado polo tempo e non pode asistir nen participar tanto como quixera. A cifra de membros varía dependendo das épocas.

-¿Cantos libros xa leron?

-Levamos 85 libros lidos. Lembro que cando cumprimos os trinta libros lidos fixemos un balance para decidir cal fora o libro que máis nos gustara e cal o que menos. A nivel xeral, o que máis foi o de Laura no deserto, de Antón Riveiro Coello e o que menos, Meu pai vaite matar, de María Xosé Queizán.