A editora Axóuxere retoma a súa residencia de escritores e engádelle unha de pensadores

H. J. P. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Álvaro Ballesteros

Retoma este proxecto «conscientes da necesidade de espazos onde as condicións propicien unha dedicación plena ao labor creativo»

14 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai uns anos, a editora Axóuxere Editora puxo en marcha en Brión (Rianxo), unha residencia de escritores pola que pasaron autores e autoras chegados de países de América, África e Europa. A experiencia foi compartida polas persoas que se achegaron aos obradoiros abertos de escrita creativa, aos coloquios na biblioteca municipal de Rianxo e ás aulas do IES Félix Muriel. Tamén noutras actividades que se foron desenvolvendo en universidades e en espazos sociais e culturais ao longo do país. Aparcada por un tempo, por razóns diversas, dedicado o selo ao traballo editorial, retoman este proxecto «conscientes da necesidade de espazos onde as condicións propicien unha dedicación plena ao labor creativo e unha dinámica allea ao imperativo da produción mecánica que enchoupa todos os ámbitos da nosa sociedade». Por iso, de novo Axóuxere e o Concello de Rianxo, xúntanse de novo para lanzar unha dupla convocatoria para o próximo verán: por unha banda, enfocada no traballo literario, a residencia de escritores e Escritoras; por outra, centrada na potenciación de liñas de investigación e desenvolvemento no proceso do pensar, engaden a primeira convocatoria para a residencia de pensadores.