A muller que fixo do cancro un poema

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

CARBALLO

Escribiu «Limaduras de prata» mentres estaba recibindo tratamento con quimio

16 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Superada a dura proba de erguerse de novo despois de recibir un dos diagnósticos máis dramáticos, a fase do tratamento é por moitos considerada o momento ideal para espremer a súa vea artística. Hai quen compón cancións, quen enche de cor brancos lenzos e quen plasma as sensacións en publicacións que buscan axudar a aqueles que atravesan unha situación similar. Pero seguro que son poucos os que, coma Luisa Abad, conseguen converter esa loita en poesía. Esta coruñesa ven de publicar un libro de poemas, Limaduras de prata, que ademais de reflectir a súa experiencia ten unha vertente solidaria, pois todo o que se recade coa venda irá a parar ao peto á Asociación Española de Loita contra o Cancro.

Luisa Abad xa tiña un poemario publicado cando lle diagnosticaron cancro. Empezara a escribir, despois de xubilarse como mestra, a raíz dun obradoiro de poesía impartido por Antía Cal, ao que se sumou para tratar de desenvolver a afección que facía tempo espertara nela a escritura. Cando se sumou á longa lista de afectados pola temible enfermidade decidiu non desperdiciar aquelas interminables noites de insomnio. Narrou, en forma de composición poética, os seis meses de tratamento con quimioterapia, incluíndo tódolos detalles: «No libro toco temas que van desde os compañeiros que tiña na sala do hospital ata o papel dos voluntarios que pasaban ofrecendo café, pasando pola forma que teñen as bolsas de quimio, as enfermeiras e os médicos que, por mor dos recortes, non podían dedicarnos o tempo que lles gustaría».

Pode que no fondo o cancro, coma o desamor ou outro tipo de experiencias negativas, sexa fonte de inspiración, aínda que Luisa Abad recoñece que non foi doado darlle a aquela maraña de sentimentos unha forma de poesía: «É moi difícil, porque se trata dun tema complexo. Mesmo lle busquei un nome poético a esa sensación metálica que acompaña sempre aos enfermos para darlle o título ao libro, Limaduras de prata, e para, ao mesmo tempo, tratar de quitarlle ferro ao asunto».

Vendida a metade da edición

Aínda que cando estaba escribindo o libro, para esta coruñesa o obxectivo principal era axudar a outras persoas que pasaran pola mesma situación, non tardou en barallar a posibilidade de que o carácter solidario da obra que tiña entre mans fose a máis. Ela mesma editouna e optou por cederlle á Asociación Española de Loita contra o Cancro todo o diñeiro procedente da venta. Nos dous actos de presentación que leva realizados, un en Oleiros e outro na Coruña, conseguiu que a cifra inicial de exemplares, 300, quedara reducida á metade. Mañá recalará na cidade ribeirense co propósito de lograr que este número siga minguando. Co seu desembarco en Ribeira rememorará, seguro, unha fermosa etapa do seu pasado, alá pola década dos 70, cando exerceu de mestra no colexio de Camboño (Porto do Son): «Coincidín cunha amiga que era de Santa Uxía. Témonos tirado a rolos polas dunas de Corrubedo, cando aínda se podía, e temos subido moitas veces á Curota».

Luisa Abad tamén está preparando unha presentación en Vigo e está disposta a percorrer boa parte da xeografía galega: «Irei alá onde me chamen». Está convencida de que, se ela se curou, foi por todo o labor de investigación que se leva realizado, polo que ten claro que o futuro pasa por seguir avanzando neste eido. Non lle importaría, todo o contrario, ter que imprimir máis exemplares e mesmo está preparada para atravesar as fronteiras de Galicia coa súa obra. De feito, aínda que ela sempre escribe en galego, a petición da Asociación Española de Loita contra o Cancro, nesta ocasión traduciu os poemas ao castelán e o libro inclúe as dúas versións para ter a posibilidade de chegar así a un público máis amplo.