O finlandés de moda tamén fascina en galego

Ramón Nicolás

FUGAS

cedida

«Laura das Neves» é unha obra chea de prodixios e ironía

17 mar 2017 . Actualizado a las 05:05 h.

Lin esta novela a instancias dunha persoa que ma recomendou e, francamente, agradezo o consello pois Laura das Neves regala horas de lectura fascinantes. O seu autor é unha das voces da narrativa nórdica de maior proxección e podémolo ler en galego mercé unha coidada tradución de Tuula Ahora e Tomás González Ahora, que verten o orixinal directamente do finés.

Laura das Neves é unha obra chea de prodixios e de ironía desde as primeiras páxinas onde a vida cotiá, o fantástico e os libros van converxendo para construír unha proposta argumental moi suxestiva. Nela, o extraordinario cobra natureza de normalidade e os perfís dos obxectos e das historias van desdebuxándose para transformarse en algo enigmático e misterioso que esixe de nós tan só curiosidade para seguir un fío discursivo cheo de conxecturas e enigmas. Non cabe dúbida que o universo creado polo autor resulta solvente e absolutamente impredicible, operativo para formular unha enxurrada de incógnitas entre as que destacan aquelas de filiación libresca e literaria que, imaxinativamente, se van desvelando.

A protagonista, Ella Amanda Milana, unha mestra substituta nunha pequena vila finlandesa e afeccionada á literatura, resulta escollida por unha célebre escritora de literatura infantil chamada Laura das Neves como décima integrante da chamada Sociedade Literaria de Lombodalebre, o que lle abrirá as portas a unha nova vida. É desde ese momento cando a novela se converte noutra cousa pois fai confluír con naturalidade elementos de realismo máxico cos de certa pátina costumista, ecos da oralidade e da mitoloxía entrelazados cos fíos dunha novela negra onde os segredos máis íntimos dos diversos membros da sociedade agroman, por veces anoados á crueldade, para formularse a espiñenta cuestión de onde vén a inspiración, de onde se tira aquilo que alimenta os libros, aquilo que alimenta tamén a vida de cada unha daquelas persoas. En definitiva, un libro sobre a forza da palabra creativa e tamén sobre o feito de que «todos nos vestimos de historias». Quen dubida que así é.

AUTOR

P.I. JÄÄSKELÄINENC

EDITORIAL

URCO

330 PAX. 16 EUROS

AUTOR

P.I. JÄÄSKELÄINENC

EDITORIAL

URCO

330 PAX. 16 EUROS