A Gala do Libro Galego recoñece a excelencia do traballo editorial do 2016

Elisa Álvarez González
Elisa Álvarez SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Xoán A. Soler

A escritora Hélia Correia, o libreiro Paco Platero e Ánxel Casal, premiados de honra

21 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Foi a noite de homenaxe ao libro galego. Unha homenaxe na que desde hai dous anos se unen a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a Asociación Galega de Editoras e a Federación de Librarías de Galicia. Todo o sector xuntouse no Teatro Principal de Santiago. Fíxoo para recoñecer a excelencia do traballo literario realizado no ámbito editorial ao longo do 2016. Sen dotación económica, pero con moito orgullo e alegría para os premiados.

Houbo once categorías e mais tres premios de honra para distinguir toda unha traxectoria. Como a de Hélia Correia, elixida escritora galega universal. Dixo Correia que se as Cantigas de amigo fosen escoitadas moitas veces «habería máis xente na defensa da lingua». Tamén que a única causa que a levaría a usar un arma «sería a ameaza á miña lingua». Francisco Negro Fernández, Paco Platero, da libraría Platero de Ourense, recolleu o premio a toda unha traxectoria como libreiro e finalmente a asociación de editoras dedicou o seu premio á memoria de Ánxel Casal, editor da editorial e imprenta Nós.

Pero quen pense que foi unha gala sesuda e somnolenta erra. O libro e a cultura galega teñen humor, música e frescura. A actriz Iria Pinheiro foi a encargada de conducir un acto no que as risas non puideron controlarse. Unha gala de homenaxes «e mullerenaxes», apuntou a actriz, quen recomendou quitar da regra dos masculinos en -axe (traxe, paxe e garaxe), a palabra paxe «porque cantas veces dicimos paxe no ano? O 5 de xaneiro? Era mellor poñer peaxe que a usamos máis», contou. O grupo De Vacas encargouse da música e contaxiou a todos os presentes coa súa versión de Despacito, A Modiño.

Xosé Ballesteros, director da Asociación Galega de Editoras (AGE) falou no nome das tres entidades e non foi moi optimista. «Este é un ecosistema que está a minguar de forma alarmante, agora somos un pequeno e cativo país de grandes lectores», dixo. Acordouse Ballesteros dos que se foron este último ano, como Fran Pérez, Narf, Fermín Bouza Álvarez ou Agustín Fernández Paz entre outros. Reivindicou o desenvolvemento da Lei do libro do ano 2006 e insistiu na importancia deste sector como industria «non queremos ser mohicanos, antes preferimos ser mapuches», dixo.

En canto aos premios nas once categorías, o xurado concedeu o de mellor ensaio a Labrego con algo de poeta: biografía de Manuel María, de Mercedes Queixas e editado por Galaxia; o galardón á mellor obra narrativa foi para Todo canto fomos, de Xosé Monteagudo, tamén de Galaxia; o libro de literatura infantil e xuvenil recaeu en Ledicia Costas con Jules Verne e a vida das mulleres planta, de Xerais de Galicia; o mellor libro ilustrado foi o de Óscar Villán, Canta connosco, de Kalandraka Editora; como iniciativa bibliográfica os membros do xurado recoñeceron Aulas sen paredes, de Rosalía Fernández Rial, editado por Edicións Positivas; a mellor tradución ao galego do ano foi a de Historia do nobre Ponto, que foi rei de Galiza e de Bretaña, unha tradución de Henrique Harguindey Banet, de Rinoceronte Editora; O cuarto das abellas, de Antía Otero, editado por Xerais, foi elixido mellor libro de poesía; na categoría de texto de teatro o galardón foi para Moito morro corporation, sociedade ilimitada, do autor Carlos Labraña e editado por Galaxia; a iniciativa cultural ou de fomento da lectura foi para o ciclo Vermú entre libros, da Libraría Paz; como proxecto literario na rede gañou A Sega, da Plataforma de Crítica Literaria; e finalmente a mellor proposta de xornalismo cultural foi a do programa Zig-Zag.