O BNG reclama que se invistan 14 millóns nos 16 concellos afectados polo canon

La Voz C.?L. | LUGO

LUGO

29 mar 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

O Saviñao, Taboada, Portomarín, Quiroga, Paradela, Carballedo, Monforte, Pobra de Brollón, Pantón, Ribas de Sil, Sober, Negueira de Muñiz, A Fonsagrada, O Páramo, Guntín e Xermade son os 16 concellos lucenses aos que, segundo o BNG, a Deputación Provincial lles adebeda 14 millóns de euros polo canon enerxético. É por elo que os nacionalistas decidiron promover mocións neses 16 concellos para reclamarlle ao organismo provincial que invista ese diñeiro nos municipios afectados pola construción de embalses ou centrais. Os deputados provinciais do BNG, Antón Bao e Antonio Veiga, deron conta onte desta iniciativa, que xorde a raíz do recente auto do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que obriga á Deputación a investir algo máis de seis millóns de euros en Chantada polo canon de produción de enerxía hidroeléctrica. Esta resolución xudicial estivo precedida de moitas outras, entre elas unha sentenza deste mesmo tribunal, do ano 1996, aínda sen executar, na que se determinaba os concellos beneficiarios. Bao e Veiga estiveron acompañados polo concelleiro nacionalista en Portomarín, Jesús López, e polo avogado Xermán Souto, quen se referiu á posibilidade de que a Deputación pida a nulidade do auto do TSXG, manifestando que «iso non lle vai quitar de investir a cantidade fixada; ademais, hai dez anos que coñece a cantidade que tería que repartir entre os concellos e os criterios técnicos para proceder a esa repartición». Jesús López recoñeceu que en Portomarín xa presentaron catro mocións, rexeitadas en todos os casos pola maioría do PP. Partido Popular O Partido Popular tamén está a estudar fórmulas para que os 16 concellos mencionados poidan ter acceso ás compensacións do canón eléctrico. Neste senso non descartan que os respectivos rexedores presenten un recurso por vía administrativa.