O BNG de Baralla denuncia que o Concello boicotea obras da Xunta

C. López

LUGO

10 ago 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

lugo | O grupo municipal nacionalista na corporación de Baralla denunciou onte o boicot por parte do Concello ás obras que a Consellería de Medio Rural adxudicara neste municipio. Segundo os concelleiros do BNG, Xosé Manuel Becerra Pardo, Branca Núñez Cordero e Andrés Caldeiro García, «dende a alcaldía déronse instrucións á empresa adxudicataria desas obras para que as melloras previstas non se levasen a cabo, a pesar de que contaban co aval do director de obra». As obras en cuestión eran as referidas ao camiño de Val-Cernadas-Fonte dos Poios-Casar de Munín-San Martiño-Riosubil-Baralla e Gundián, así como unha serie de accesos a Constantín, a Acivido e Santo André, a Sanamede e tamén en Sudrio e en Vilachambre, sendo M.R.G. Áridos e Viales a empresa adxudicataria, tal como figura no Diario Oficial de Galicia do pasado 23 de febreiro.

Despois de que o Bloque de Baralla expuxese os feitos denunciados ante a Delegación Provincial de Medio Rural, as citadas obras foron visitadas polo xefe de Servizo de Infraestruturas Agrarias e foi posible que as actuacións previstas se empazesen a executar.

Segundo manifestaron onte os concelleiros nacionalistas, «o torpedeo do Concello de Baralla foi máis alá, xa que chegaron a utilizar as obras aprobadas como un sistema de caciqueo, incluíndo melloras noutros núcleos que non figuraban no proxecto de Medio Rural e que se limitaron a actuacións puntuais e non a obras que beneficiasen ao conxunto deses núcleos, nun claro exemplo de discriminación entre veciños dun mesmo núcleo».

Moción

Todo elo motivou ao Bloque Nacionalista Galego de Baralla a levar ao vindeiro pleno do mes de setembro unha moción para instar ao Concello a que complete os accesos iniciados en Traspena; amañe un pequeno tramo de accesos en Sudrio e arranxe con formigón o camiño que conduce á igrexa parroquial de Vilachambre, ademais de colocar desaugues. As actuacións nestes dous últimos núcleos non estaban incluídas no proxecto da Consellería de Medio Rural por exceder o orzamento previsto.

Na moción que o grupo municipal nacionalista someterá a consideración do pleno na vindeira sesión maniféstase que «o Concello procederá ao amaño dos accesos pendentes nos núcleos de Sudrio, Traspena e Vilachambre para completar tanto as actuacións incluídas no proxecto financiado pola Consellería de Medio Rural como as realizadas directamente polo propio Concello de Baralla».

Os concelleiros nacionalistas manifestaron onte que valoran as actuacións do Concello, pero non entenden que trate de paralizar obras que contan con financiamento da Xunta.