Patrocinado porPatrocinado por

O Partido Popular insta á Deputación a arranxar a estrada de Palas a Antas

lugo / la voz

AGRICULTURA

Membros do grupo provincial popular na estrada de Palas a Antas.
Membros do grupo provincial popular na estrada de Palas a Antas.

08 ago 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

As «pésimas e deplorables» condicións nas que se atopa a estrada LU-P-4002, entre Palas de Rei e Antas de Ulla, levan ao grupo provincial do Partido Popular a instar á Deputación a que actúe de maneira urxente, ante o perigo que supón o mal estado desta calzada, unha vía de titularidade provincial.

A voceira do PP na Deputación, Elena Candia, lembrou que o seu partido levou á sesión plenaria do pasado 31 de xullo unha moción onde se instaba ao organismo provincial a que procedera a continuar e rematar as obras de ampliación e mellora do firme da citada estrada, co fin de mantela nunhas condicións mínimas de seguridade.

Dado que a Deputación fixo «caso omiso», os populares volven insistir para que arranxe de maneira inmediata esta estrada, de transcendental importancia para a comarca da Ulloa, «que está poñendo en perigo a seguridade dos condutores e viandantes que pasan por ela».

Segundo Candia, «o estreito da calzada, as curvas pronunciadas, a escasa visibilidade, os fochancas e a maleza das cunetas obrigan a reducir a velocidade cando se atopan nela dous vehículos que circulan en sentido contrario. Se se trata de dous camións, de apenas 10 toneladas, un deles ten que parar para que pase o outro, e no caso de maquinaria agrícola, a situación complícase máis e vense na obriga de facer manobras para poder circular». Estas circunstancias fan máis necesario se cabe o arranxo da vía, que, segundo o grupo do PP na Deputación, ten gran importancia porque serve de acceso a unha decena de parroquias.