«Salcedo é para nós un lugar máxico da cultura popular»

Francisco Albo
fRANCISCO ALBO MONFORTE / LA VOZ

LUGO

ROI FERNANDEZ

O matrimonio presentou onte un documental sobre a festa do Oso realizado por alumnos do seu colexio

08 feb 2016 . Actualizado a las 12:26 h.

O entroido de Salcedo -no municipio da Pobra do Brollón-, o único de Galicia protagonizado pola figura dun oso, contará hoxe con dous convidados franceses. Yvon e Ange-Marie Dupouy son un matrimonio de profesores que xa está familiarizado deste hai anos con este festexo. Onte presentaron na localidade un traballo documental sobre o Oso de Salcedo -formado por un vídeo e un pequeno libro- que foi realizado por alumnos do seu colexio, situado no municipio de Nassiet, na rexión de Aquitania. A obra resalta o valor histórico e etnográfico desta festa e na súa importancia social.

O traballo, segundo explican está estruturado como un conto -foi feito por alumnos de 7 e 8 anos e está concebido para uso escolar- e protagonizado por un pequeno oso pirenaico que acaba de quedar orfo. «O que fixemos foi buscarlle un novo fogar en diferentes lugares onde se celebran carnavais populares protagonizados por osos e despois de mirar nos Pirineos e noutros sitios, chegamos á conclusión de que o lugar ideal é Salcedo», explica Yvon Dupuoy. O motivo -engade- é que «no carnaval de Salcedo, o oso entra na vila como un rei e sae como un rei, mentres que noutros carnavais similares non sucede o mesmo, senón que o oso acaba sendo cazado ou rapado ao final da festa».

Raíces culturais

Os dous profesores tiñan a intención de traer tamén a Salcedo aos rapaces que elaboraron o traballo, mais non foi posible porque nesta época están preparando exames. Pero din que de todos modos esta experiencia educativa foi moi interesante para eles. «Na nosa rexión non se conservan festas populares parecidas a esta e a nós serviunos como exemplo para mostrarlles a importancia que ten manter as nosas raíces culturais», apuntan. «Queremos que os nosos alumnos se dean conta de que non son fillos de Coca-Cola e McDonald?s, senón da súa propia terra e das súas tradicións», agregan.

Outro aspecto do entroido de Salcedo que os Dupuoy consideran de grande interese é o do reforzamento dos vínculos sociais e a participación de persoas de diferentes xeracións. «Nesta festa toma parte todo o mundo, tanto a xente maior como os adolescentes e os nenos, e iso parécenos moi importante porque no noso país os rapaces están totalmente desconectados dos maiores, aínda que se comuniquen constantemente entre os da súa idade a través das redes sociais e dos móbiles», apuntan.

Yvon e Ange-Marie Dupuoy, por outro lado, din estar emocionados pola acollida que tivo o seu traballo en Salcedo e polo feito de que fose traducido polos membros da asociación veciñal da localidade, que se encarga de organizar os festexos de entroido. «Pedimos que o traducisen ao galego, porque sabemos a importancia que ten o idioma en Salcedo e en toda Galicia», indican.

Unha longa relación

A relación do matrimonio coas festas de Salcedo comezou a raíz dunha viaxe que Yvon Dupuoy realizou a Galicia no 2003 para realizar un intercambio cun colexio do municipio coruñés de Valdoviño. Foi daquela cando soubo da existencia deste carnaval rural. Desde entón visitaron Salcedo en varias ocasións. Foi por iniciativa deles deles que o Museo Internacional do Carnaval e da Máscara de Binche, en Bélxica, incorporou no 2008 á súa colección unha réplica do traxe do Oso de Salcedo. Yvon está xubilado desde o 2006, pero segue colaborando co colexio onde traballou -e onde exerce a súa muller- para utilizar este festexo como material educativo. «Salcedo é para nós é un lugar máxico da cultura popular», resumen.

hoxe, o día grande

A xornada principal do entroido de Salcedo comezará ás catro e media da tarde de hoxe, coa actuación duns músicos que interpretarán coplas de cego. Sobre a cinco, o Oso e os seus criados percorrerán as rúas da localidade para tinxir con cinza as caras dos asistentes. Os organizadores recordan que calquera pode ser vítima dos seus ataques. Ás 21 horas haberá unha cea popular que será seguida por un baile animado polas orquestras La Oca Band e Tekila