Lecturas, murais e ata raps para homenaxear á artista Maruja Mallo

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO

CEDIDA

A Deputación celebra en 44 centros da provincia unha semana escolar con numerosas actividades

16 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A artista lucense Maruja Mallo (Viveiro, 1902-Madrid, 1995) estará esta semana, máis ca nunca, nas lembranzas dos lucenses grazas á Semana Escolar con Maruja Mallo, unha iniciativa da Deputación de Lugo na que participarán 9.000 alumnos de 44 centros de toda a provincia. A través de lecturas, murais, pegada de carteis e ata raps, os mozos da provincia renderán homenaxe á autora da Xeración do 27 á que este ano se lle dedicou o Día das Artes Galegas, o pasado 1 de abril.

A ferramenta base coa que contarán os colexios e institutos ao longo da semana que comeza mañá é o libro-manual Bos días, Maruja: 12 estampas dunha pintora, de Llerena Perozo, editado polo organismo provincial para divulgar «a vida e a obra dunha viveirense xa universal», en palabras de Pilar García Porto, deputada de Cultura, Deseño e Artesanía.

Deste xeito, entre mañá e o xoves, os alumnos comezarán a traballar co libro e farán cos seus profesores lecturas e comentarios do mesmo, entre outras actividades, que abarcan desde a educación plástica e visual, pasando pola lingua, a literatura, as ciencias sociais, a xeografía e a historia ata a música. Os traballos das aulas expoñeranse en lugares comúns do centro ao longo da semana. En canto ao venres, descubrirase o mural Bos días, Maruja, que elaborarán os alumnos e no que reflectirán a súa visión da obra da artista lucense; inauguraranse as distintas exposicións; leranse varios textos, e interpretaranse raps para Maruja Mallo e o himno galego.

Bos días, Maruja: 12 estampas dunha pintora, condensa 93 anos de traxectoria vital e artística da protagonista en doce capítulos: A infancia nunha maleta; Unha moza única; Un extravagante catalán; Limóns con azucre e bohemia; Sumando versos e lenzos; As sensombreiro; A conquista de París; Escuela de Vallecas; Unha profesora, un pintor e dous poetas; Da sorpresa do trigo ao exilio; Da vida americana; e O ser das 20 almas. En cada un deles, téntase recrear unha parte da historia de Maruja Mallo con vida propia. Tamén se reproducen cadros e fotos da artista.

Mallo narra a súa vida e obra

O nexo de unión do libro é unha personaxe de ficción que conversa con Maruja e narra as máis importantes circunstancias da súa vida, valora a súa obra e dálles voz a personaxes tan significativas como María Teresa León, Rafael Alberti, Miguel Hernández, Pablo Neruda, Luis Buñuel, Federico García Lorca ou María de Maeztu, que interveñen nas diversas narracións, construídas ao xeito de contos. Fálase da súa amizade con Dalí, Lorca e Buñuel e das festas nocturnas ás que acudían nos anos vinte, da súa relación con Alberti, da protesta que realizou coa poetisa Concha Méndez saíndo á rúa coa cabeza descuberta, da súa estancia en Montparnasse, da amizade con Picasso, Breton ou Paul Éluard, da relación con Eugenio Granell, Miguel Hernández ou Pablo Neruda, da súa pintura surrealista e dos cadros do compromiso social, do exilio a Bos Aires, da volta a Madrid en 1965 e dos seus últimos anos.

Os alumnos reflectirán a súa visión da obra de Maruja Mallo nunha exposición

No manual editado pola Deputación dáselle voz á artista para repasar a súa vida e o seu traballo