«Á maioría dos pais había que retiralos dos campos nos que xogan os seus fillos»

Enrique Gómez Souto
enrique g. souto LUGO / LA VOZ

LUGO

alberto lópez< / span>

Díaz cre que no fútbol base faise case todo mal «e non hai valentía para dar oportunidades aos rapaces»

24 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Quen é. Manuel Díaz Souto naceu no barrio de Albeiros en Lugo no ano 1945. Vinculado desde neno ao fútbol, o seu oficio foi o de fontaneiro. Pola súa vinculación ao mundo do deporte, acabou traballando para o Concello.

Historia viva da Comercial. Máis de 40 anos na presidencia desta sociedade.

En Lugo dicir Manuel Díaz Souto, Neno, é dicir fútbol base. Apaixonado, directo, sen pelos na lingua, controvertido, este lucense de Albeiros resume en si mesmo máis de cinco décadas do mundo do balón nas categorías nas que se forxan os deportistas. Sempre crítico, analiza sen miramentos a actual situación do deporte base no terreo do fútbol e está convencido de que «á maioría dos pais había que retiralos dos campos nos que xogan os seus fillos».

-¿Como empezou a súa vinculación co fútbol?

-Xogando, primeiro no San Vicente, do barrio Feixó. Nin sequera estaba na Federación. Xogábase nas Gándaras, onde está hoxe a Residencia da Terceira Idade. Despois xoguei no Luna, de Garabolos, e despois pasei ó Milagrosa.

-Tamén foi árbitro...

-Si, despois do que xa contei, fun árbitro. Debía ter por entón 20 anos. Arbitraba en equipos de base.

-Paréceme a min que máis dunha liorta debeu armarse...

-Algunha houbo; si, máis dunha incidencia arbitral tiven, pero tampouco demasiadas. ¿Que onde había máis? Na zona de A Mariña, ¡chegáballe ben!

-¿Recorda o plante dos árbitros de Lugo?

-Si, claro, houbo un plante cando fora o caso Guruceta. A protesta no noso caso era porque viñan arbitrar á costa os árbitros de Ferrol e os de Lugo non querían. Algúns mantivemos o plante, e outros non.

-Vostede foi presidente do fútbol infantil na provincia...

-Fun, si. E fun elixido mellor presidente de España. Isto dependía da Delegación Nacional de la Juventud. Había moito deporte escolar. Foi unha boa época para o deporte de base. Estiven catro anos. Tamén fun catro anos vocal do comité de afeccionados da Federación Galega de Fútbol.

-¿Que significa para «Neno» a Comercial?

-Pois xa pode supoñer vostede. Levo na Comercial máis de cincuenta anos. Como presidente, 40 anos como mínimo. E teño que dicir que o fútbol base só sacou xogadores de Lugo cando a Comercial estivo na liga de honor. Quedamos campións en alevíns e infantís (os cadetes de agora) de Galicia. Agora están todos os equipos, teñen cartos e non sacan xogadores. Da a impresión de que vale calquera con tal de que pague. Dalgunha maneira se engana aos cativos. E logo está o dos pais, que hai moitos que pensan que por levalos ao Lugo xa lles vai saír un fenómeno.

-Está moi crítico...

-É que se fai case todo mal. Adéstrase mal, non hai valentía para dar oportunidades aos rapaces e desfixeron aos equipos de Lugo porque lles levan aos mellores. O problema é que é facilísimo ascender, que se fixeron moitas competicións e hai demasiadas categorías.

-De tantas polémicas como mantivo, ¿cal recorda máis?

-Quizá a máis sonada foi con Manel Sánchez [exconcelleiro de Deportes do Concello de Lugo], porque se empeñou en sacarlle a preferencia á Comercial para elixir horas.

-Por certo, o campo do Polvorín débelles algo a vostede e a Jesús López Rábade...

-A Jesús López Rábade, a Antonio Pol e a min. Pasou que na zona na que están os vestiarios xa estaban postos os cimentos para o comedor do colexio e conseguimos parar aquelas obras; grazas a iso, hai campo.