A Politécnica constrúe unha cuberta de eucalipto única no mundo

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO

ALBERTO LÓPEZ

A estrutura é unha obra de tecnoloxía e I+D 100% de Galicia

24 may 2017 . Actualizado a las 16:11 h.

A Escola Politécnica Superior (EPS) do Campus Terra de Lugo construíu unha cuberta con madeira de eucalipto única no mundo. Concretamente, trátase dunha gridshell, é dicir, un tipo de cuberta con estrutura de tecido, que elaborou a Plataforma de Enxeñaría de Madeira Estrutural (Pemade) de Lugo, que dirixe o catedrático Manuel Guaita Fernández.

A estrutura, de lámina reticulada de eucalipto globulus está montada sobre arcos de piñeiro e cubre unha superficie de 140 metros cadrados. Para Guaita, ademais da singularidade que representa esta obra, a súa importancia tamén radica en que este tipo de solucións demostran «o potencial de valor engadido e a incidencia que pode ter para o desenvolvemento económico de Galicia a construción sustentable con produción madeireira propia».

O proceso de deseño e a construción desta gridshell é resultado de tecnoloxía e I+D 100% galegas, xa que se trata dunha obra desenvolvida integramente nas instalacións que a Pemade dispón na Politécnica, en colaboración con empresas do sector.

Os laboratorios de Pemade foron tamén o escenario no que previamente se desenvolveu o empalme estrutural da madeira laminada, segundo explicou o investigador Jorge Crespo, director do laboratorio. Tamén engadiu que antes de acometer a construción da gridshell definitiva, o persoal de Pemade desenvolveu un prototipo: «Esta primeira peza, conservada ao aire libre nunha área axardinada da Politécnica, serve agora de testemuño para que os investigadores de Pemade estuden o comportamento da madeira, así como para avaliar os efectos de tratamentos aplicados...», explican desde a Universidade.

Un novo espazo no campus

Esta obra naceu cuns cometidos funcionais que xa está a prestar, izada no lateral dun dos pavillóns da EPS. Crespo indicou que as limitacións das instalacións de Pemade fixeron necesaria a habilitación de novos espazos para gardar material, e de aí xurdiu a idea de construír unha gridshell, a xeito de teito de protección das baldas exteriores xa colocadas nun dos frontais do edificio da ampliación da Politécnica.

A estrutura ten 24 metros de lonxitude por uns 5,8 metros de anchura, o que permite protexer unha superficie en planta de arredor de 140 metros cadrados, segundo explicou Crespo. O acondicionamento final deste novo espazo de Pemade completarase coa colocación dun téxtil impermeable sobre a cuberta de madeira e o peche lateral e frontal do novo espazo, que estará habilitado como almacén ou para outros usos variados.

Esta obra desenvolveuse no marco dunha liña de investigación na que está a traballar a Pemade e que contou con financiamento da Consellería de Educación, Cultura e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia a través do proxecto Campus Terra da USC.

Desde a USC din que esta obra demostra o valor da construción sustentable con produción madeireira propia