O Centro de Artesanía programa un encontro de palilleiras

LUGO

Haberá unha reunión este sábado e obradoiros este mes e o seguinte

17 jun 2017 . Actualizado a las 14:32 h.

Este mediodía presentaron PalillAD, programación de actividades gratuítas que organiza a Deputación coa colaboración do Concello de Lugo, para poñer en valor o traballo das palilleiras. Desenvolverase durante os meses de xuño e xullo na capital luguesa. Inclúe un encontro de 300 palilleiras, un mercado, unha exposición e seis obradoiros.

O encontro ?no que participarán unhas 300 palilleiras de Galicia, Asturias e Castela León ?terá lugar este sábado na Praza Horta do Seminario. De 11.00 horas a 13.00 horas, e de 16.00 a 19.00 horas, estas profesionais palillarán en vivo. Haberá un mercado de materiais para o encaixe grazas á colaboración da Asociación Agulla Máxica de Lugo. Nos establecemos hostaleiros da zona ofreceranse menús con prezos especiais.

Exposición

A programación do PalillAD conta cunha exposición na Capela de Santa María do 15 de xuño ao 25 de xullo ao redor do encaixe moderno e as posibilidades de aplicación destes modelos máis alá do enxoval tradicional. Poderanse ver vestidos de festa, cerimonia, tradicionais ou obxectos de decoración como lámpadas.

Obradoiros

Por outra parte, o programa de PalillAD inclúe seis obradoiros, impartidos pola galega Milagros Vázquez, sobre a iniciación ao encaixe, nivel medio e perfeccionamento das técnicas de encaixe moderno, remate, fío máxico, encaixe ruso e cinta. Os cursos están dirixidos a palilleiras e persoas que queiran iniciarse na disciplina do encaixe.

Terán lugar os días 20, 22 e 29 de xuño e 6, 13 e 20 de xullo na Capela de Santa María en horario de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.00 horas. Os interesados deberán enviar un correo a info.centrad@deputacionlugo.org co obradoiro solicitado, datos persoais e número de teléfono.