Xogando á política

Xulio Xiz TRIBUNA

LUGO

20 jun 2017 . Actualizado a las 14:12 h.

Pasou o debate da moción de censura presentada por Unidos Podemos, que parecía un brinde ao sol e resulta que, como nas eleccións, ao final case todos se proclaman triunfadores. Resulta traxicómico que cos problemas que temos os españois, se invertisen tantas enerxías, tanto tempo, nunha acción condenada ao fracaso teórico, da que a posteriori o goberno se sente eufórico, Podemos reforzado, e ata o Psoe parece atopar rumbo a seguir.

Sorprendeu que o censurante dixera no Congreso que os españois eran mellores que os alí reunidos, fosen traballadores ou parados, naturais do país ou chegados de fóra, con salario mínimo ou xusto… e sendo clara a intención de vilipendiar ao resto dos partidos, non deixa de ter razón en que, en xeral, os políticos teñen que esforzarse para estar á altura dos seus electores, eses votantes que confiaron neles, entregandolles o máis valioso que posúen, e moitas veces resultan defraudados.

Pasou a moción de censura, e xa se falou da posibilidade de outra antes de que remate este ano. E agora dirannos que ese é o xeito de facer política, que así son as reglas do xogo. E nós, pensando que a política non pode ser un xogo, que son demasiado importantes os temas que os políticos teñen que estudiar, razonar e decidir… que se nós lles solucionarmos a vida, o menos que podemos pedir é que traballen para intentar solucionar os nosos problemas colectivos. E sen embargo, temos fe ? xa se sabe: crer o que non vimos- en que a clase política vaia evolucionando, achegándose aos problemas, achegándose a nós… porque diso depende o futuro deles, e o noso.