Alfredo González Vilela, cantautor de Becerreá: «O Festival dos Ancares naceu polo amor á terra»

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO

Alfredo González Vilela presenta o seu disco «Camiños a Compostela»
Alfredo González Vilela presenta o seu disco «Camiños a Compostela» LAURA LOPEZ

O artista organiza cada ano a cita cultural e nesta ocasión presentará o seu novo disco, «Camiños a Compostela»

25 jul 2023 . Actualizado a las 17:37 h.

Xoves 3 de agosto • A partir das 18.30 horas • Casa da Cultura de Becerreá • Entrada libre • 

Becerreá volverá celebrar o próximo 3 de agosto o seu Festival dos Ancares, que este ano chega á súa décimo cuarta edición. O impulsor desta iniciativa é o cantautor lucense Alfredo González Vilela, co apoio da Vía Kúnig, o Concello de Becerreá e a asociación Rente ao Couce: «O Festival dos Ancares naceu polo amor á terra. Eu son emigrante e os emigrantes sempre idealizamos moito a nosa terra. O que quixen con este festival é que se lles faga algo de recoñecemento ás xentes no pobo onde naceron», explica.

De aí que o cartel do festival estea composto por artistas da zona, con música tradicional e de autor. A primeira intervención do acto correrá a cargo do presidente da Vía Künig, Javier Gómez Vila, coa charla «Camiños a Compostela e Vía Künig». Despois, coa presentación de Sara Fernández, actuarán Manolo León (gaiteiro), Eduardo León (percusión), Eduardo Vilor (acordeón), Suso de Espín (acordeón), José Mosteirín (gaiteiro), Manuel López (percusión), Manuel Santín (gaiteiro do Fabal) e o propio Alfredo González Vilela (cantautor).

De feito, Alfredo González aproveitará para presentar o seu novo disco, Camiños a Compostela, con letras dos principais poetas galegos históricos e actuais (Rosalía de Castro, Federico García Lorca, Rosalía Morlán, Luciano do Monfadal...) que falaron dos camiños a Santiago, e con letra composta polo propio González.

Fundador dos Petapouco

O idilio de Alfredo González coa música comezou de neno, en Galicia: «Empecei aos 11 anos co mestre Xosé Castiñeiras», apunta. Foi en 1977 cando emigrou a Barcelona, onde aínda reside, aínda que agora a metade do ano xa a pasa en Galicia. O seu é a guitarra e a composición dos temas, pero tamén toca a gaita.

Ao pouco de chegar a Cataluña, continuou cultivando a súa paixón musical. De aí que en 1978 fundase o grupo Petapouco, en Barcelona, xunto a Xosé Luis Blanco Campaña: «Eramos seis rapaces que empezamos a saír nas revistas nacionais», lembra. Daquela xurdira La Trinca, en Cataluña, e os Petapouco quixeron facer algo similar: «En Galicia os ritmos eran moi tristes, así que nos inspiramos na Trinca, que tiraba de picaresca e música de discoteca. Nós combinabamos música galega con retranca, pero bailable, ao estilo da música disco», sinala. Tal foi o éxito que, cando volvían a Galicia no verán, podían comprobar como todas as orquestras tiñan o seu repertorio. Despois, fundou no Centro Galego de Barcelona o grupo de folk Zoa, que lanzou o disco Diáspora; e tamén a banda folk Raxa na Lousa, á que acompañaba un grupo de baile.

Agora presentará novo disco no seu Becerreá natal, onde o Festival dos Ancares consegue encher cada ano a Casa da Cultura.