A sátira inundará o centro de Lugo no Enterro da Sardiña, que cadra co Día dos Namorados

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO

Imaxe do Enterro da Sardiña no Entroido do 2023
Imaxe do Enterro da Sardiña no Entroido do 2023 Óscar Cela

A asociación Pepe Barreiro organiza os actos deste clásico do Entroido, que este ano conta coa axuda do músico Nicolás Ravelli e que ofrecerá o día 14 ferretes, música, procesión e moito humor

22 ene 2024 . Actualizado a las 13:26 h.

Coas festas do Entroido cada vez máis próximas, os preparativos para o Enterro da Sardiña de Lugo están case pechados. Esta cita clásica do Entroido lugués coincide este ano co Día dos Namorados, o 14 de febreiro, unha casualidade que os organizadores non van deixar escapar para combinar con humor o dó, o amor e a sátira.

A asociación Pepe Barreiro, que preside desde hai sete anos Olga Díaz, é a encargada de organizar o Enterro da Sardiña de Lugo. A procesión partirá, como cada ano, ás 20.00 horas do Círculo das Artes, acompañada pola Charanga CDV Band, de Vilalba, polo Orfeón Xoán Montes e por Estoupacaldeiros. A comitiva percorrerá a Rúa da Cruz, a Praza do Campo, a Praza da Soidade, a Rúa da Raíña e rematará na Praza Maior, aínda que a ruta pode variar se chove.

Nas paradas que vai facendo a procesión e no acto final da Praza Maior, leranse todos os ferretes premiados, que é unha das partes máis cómicas, e anunciaranse os gañadores do concurso de ferretes. «O tren e o auditorio son dous temas que se repiten ano tras ano», explica Olga Díaz. En xeral, a actualidade municipal é a protagonista da sátira destas coplas: «Este ano imaxino que se falará tamén do cambio de alcaldesa, das obras que hai na cidade, das eleccións...», continúa.

O concurso de ferretes ten aberto o prazo para a participación ata o día 5 de febreiro ás 14.00 horas. Hai que entregar as coplas no Concello en sobre pechado, pero todos os detalles das bases se poden consultar na área de Cultura do Concello e tamén no Facebook e no Instagram da asociación Pepe Barreiro. Haberá un premio para o mellor retrouso; neste caso, entregaranse copias deste retrouso no recorrido da procesión, porque se lerá entre ferrete e ferrete. Tamén haberá primeiro, segundo e terceiro premio, ademais doutros 17 galardóns. «A calidade é tan boa, que nalgunhas ocasións tivemos que outorgar accésits», explica a presidenta da asociación.

Ata o día 5 está aberto o prazo para participar no concurso de ferretes

En canto á música que soará no pasarrúas do Enterro, empréganse ano tras ano unhas partituras de 1985: «Foron feitas con moito cariño e moita ilusión, pero son difíciles de interpretar. Por iso, cada ano tiñamos problemas para encontrar músicos que as interpretasen e nos acompañasen. O ano pasado, actuou a charanga de Vilalba e foi todo un éxito, así que repiten este ano. Pero para remediar o problema das partituras, o director do coro da asociación, Israel Barrera Ares, contactou co director da Xove Orquestra de LugoTerra Nova, Nicolás Ravellli, que vai colaborar con nós», explica Olga Díaz.

Ensaios dos músicos

Deste xeito, haberá tres ensaios previos á actuación do 14 de febreiro. Este mesmo xoves, día 25, ensaiarán a porta pechada Nicolás Ravelli, Israel Barrera e a CDV Band. Os outros dous ensaios serán abertos, tanto a socios como ao resto de persoas interesadas: o 30 de xaneiro e o 6 de febreiro ás 20.00 horas no Salón Rexio do Círculo das Artes.

O espectáculo do 14 de febreiro contará cunha coidada posta en escena, á que darán vida unha serie de personaxes que se manteñen desde o inicio desta festa, que recuperou e deseñou en 1985 o falecido Pepe Barreiro. Por unha banda, está o Gran Espetón, que é a persoa encargada de ler os ferretes, tanto na Praza Maior como nas paradas da procesión. Tamén están o Gran Escarpinante, portador da sardiña; o Someigo Maior, que é a autoridade principal, a modo de alcalde; dous Pidórnigos, a modo de sacristáns que acompañan ao Espetón; dous Lagaricías, que levan os pendóns do Círculo e o Concello; e o público, que inclúe as sardiñas, o coro, o Xoán Montes, a charanga, os Estoupacaldeiros, que levarán a caixa... «Ao final, xuntámonos moita xente, porque non solo participan os socios, senón que se implican outras persoas, así que o ano pasado, por exemplo, eramos un cento de persoas», continúa relatando a presidenta.

Historia da asociación

A asociación Pepe Barreiro leva organizando o Enterro da Sardiña desde o ano 2000. Foi en 1985 cando Pepe Barreiro deu vida a esta celebración e creou toda a posta en escena, inspirándose en diferentes enterros de toda España, simulando unha procesión relixiosa, pero con outros personaxes, para poder botar man da sátira.

«Pepe faleceu en 1993 e suspendeuse a celebración. Foi no 2000 cando o concelleiro de Cultura, Ignacio Rodríguez Eguíbar, se puxo en contacto coa filla de Pepe, Mercedes Barreiro, para retomar a celebración. E decidiuse montar a asociación», aclara Olga Díaz. O colectivo foi medrando e conta, na actualidade, con máis dun cento de socios.

Ademais da cidade de Lugo, o Enterro da Sardiña goza dunha gran tradición noutros lugares da provincia, como Vilalba ou Monforte de Lemos.