Alumnos de Vilalba, apóstolos do galego no século XXI

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PALACIOS VILALBA / LA VOZ

LUGO

Estudantes do IES Basanta Silva protagonizan unha campaña que espalla o uso do idioma en negocios

23 feb 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

«Aquí tamén se fala galego». Onde? En Vilalba, na vila e nas parroquias. A novidade non está en que se fala senón en que rapaces do IES Basanta Silva protagonizan unha campaña que espalla o uso do idioma en negocios. A idea xurdiu de Lorena García, profesora de Galego nese instituto, que pertence ao equipo de normalización lingüística do centro e que decidiu trasladar á capital da Terra Chá unha idea que vira na Coruña.

Este é o segundo curso no que dá clases en Vilalba: veu destinada no penútlimo, traballou noutra vila o pasado e volveu neste. Lorena García explica que axiña se decatou de que nos seus alumnos (rapaces do concello vilalbés e doutros coma Cospeito, Xermade ou Muras) había unha alta porcentaxe de galegofalantes, e engade que coa campaña reflíctese que a xente nova está disposta a amosalo e a animar a outros a falaren galego.

O xeito de traballar é sinxelo. Rapaces de segundo de ESO van a un comercio ou a calquera negocio (pode ser un restaurante ou un taxi, por exemplo), onde explican aos responsables que están a desenvolver unha campaña a prol do uso do galego e que lles gustaría que tamén participasen. Deixan un cartel, que se coloca nunha zona visible do negocio, e tiran unha foto para que se vexa que ese negocio vén de sumarse á iniciativa. O traballo amósase nas redes sociais do instituto para espallar esta campaña.

Máis de cen rapaces colaboran na iniciativa, da que Lorena García fala en termos moi positivos. Por unha banda, non só o número de carteis entregados supera claramente os 200, senón que os donos dalgúns negocios teñen amosado o seu interese por participar ao coñeceren esta proposta, antes de que os alumnos os visitasen. Por outra, non só empresas están dispostas a reflectir con carteis o seu apoio ao galego senón que tamén se teñen recibido chamadas de asociacións da zona rural interesadas nesta cuestión.

A profesora subliña tamén que entre os rapaces que visitan negocios hai fillos de inmigrantes. Polo xeral trátase de estudantes que levan pouco tempo en Vilalba e que aínda coñecen pouco a lingua galega, a literatura galega ou a cultura galega en xeral. Porén, o seu entusiasmo semella tan grande coma o dos outros. «Imos pouquiño a pouco», di a profesora, que non agacha a súa satisfacción.