A xuventude de Jesús Rodríguez López

manuel calvo lópez

A FONSAGRADA

Este renomado médico lucense foi tamén un dos membros fundadores da Academia Galega

22 abr 2017 . Actualizado a las 19:57 h.

O 24 de marzo de 1917, ás oito do serán, falecía en Lugo Jesús Rodríguez López; como veremos máis adiante o seu óbito e as súas exequias causaron unha grande dor entre os case 10.000 habitantes (AHPL. Arquivo Histórico Provincial de Lugo. Fondos del Ayuntamiento. Padrones. Sig. 422) que naquel momento tiña o noso casco urbano.

Sen dúbida, de non figurar no encabezamento deste resume as palabras médico e fundador, este meu artigo pasaría, con toda certeza, desapercibido para o lector. Un nome tan frecuente como é Jesús e uns apelidos, Rodríguez e López, en verdade tan correntes; todo elo xunto non tería chamado a atención de ninguén. E, mesmo tendo en conta os devanditos datos da paréntese, atrévome a afirmar, con escasa posibilidade de erro, que á meirande parte dos lucenses de hoxe en día ocórrelles o mesmo: pouco ou nada saben del. Por iso, eu, que dediquei unha ampla etapa da miña vida a dar a coñecer a súa vida e a súa obra, e nesta tarefa sigo, véxome na obriga de facer o mesmo, de forma abreviada, a todos aqueles que aínda conservan algo de inquedanza e curiosidade acerca da vida e das sociedades luguesa e galega de antano.

No seo dunha familia humilde

Jesús Rodríguez López (desde agora referireime a el como Rodríguez López soamente), coñecido en Lugo co alcume Gambetta, por mor do seu parecido co político e parlamentario francés do mesmo apelido, naceu en Lugo o 28 de xullo de 1859, no seo dunha humilde familia radicada en San Mamede de Lousada, aldea sita na estrada de Lugo a Portomarín, moi preto de Lugo, na que o seu pai exercía como xastre, ao mesmo tempo que na súa casa da rúa da Tinería, 22, na cidade.

No Instituto de Segunda Enseñanza de Lugo fixo os estudos de Bacharelato en Artes cun aproveitamento discreto, pois no seu expediente non hai unha materia salientable a respecto das demais, nin sequera debuxo ou retórica, materias estas que co paso dos anos terían na súa persoa un digno expoñente. (AHILA, Arquivo Histórico do Instituto Lucus Augusti).

Estuda Medicina en Santiago

Despois de graduarse, en 1874, marcha a Santiago para estudar a carreira de Medicina, acadando por oposición, o 26 de marzo de 1878, unha praza de alumno interno do Real Hospital de Galicia cun soldo anual de 462, 50 ptas., que desempeña ata o 14 de abril de 1880 en que a perde por abandoar unha garda do día 9 dese mes ao deixar só a un seu compañeiro na asistencia dun parto (AFMUSC (Arquivo da Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela). Acada a Licenciatura de Medicina o 29 de xuño de 1881 coa cualificación de Sobresaliente. (AFMUSC).

Rematada a carreira fixou, para sempre, a súa residencia en Lugo por non se separar da súa nai da que el era único sostén.

En 1886, cunha axuda da Deputación de Lugo, viaxa a París (El Regional, Lugo, 7-VII-1886) acompañando á rapaza Carmen Martínez Bernárdez, mordida por un can, para estudar na clínica Pasteur o tratamento preciso para curar a rabia. Ao seu regreso escribe unha reseña sobre o procedemento Pasteur e o tratamento seguido coa rapaza lucense ata o seu restablacemento total; a prensa rexional fíxose eco dos excelentes resultados obtidos polo novel médico (Ibid., Lugo, 25-VII-1886). Uns días despois publica tres artigos, titulados «Procedimiento Pasteur», nos que explica as súas experiencias no Instituto parisino (Ibid., I; 8-VIII-1886; II, 10-VIII-1886 e III, 11-VIII-1886).

Andazo de gripe na Fonsagrada

Catro anos máis tarde, en marzo de 1890, é comisionado polo Goberno Civil de Lugo para curar un andazo de gripe -ao principio creuse que era de tifo? na vila de Fonsagrada. Alí chega o día 11, poñendo en práctica un procedemento terapeútico que, pouco a pouco, foi acabando cunha enfermidade que causou un gran número de mortos. Naquela época era obriga escribir unha memoria explicativa e así o fai no xornal lucense El Regional en distintos espazos desde o 13 de abril ata o 5 de maio, poñendo de manifesto o desenrolo final do andazo ao que contribuira o bo tempo reinante na Fonsagrada nese momento. Unha Real Orde de 19 de maio de 1890 asígnalle o pago de 500 ptas. polo seu traballo.

Despacho na rúa da Tinería

Ten despacho na casa paterna, na rúa da Tinería 22, exercendo como médico cirurxián de enfermedades de homes, mulleres e nenos (Así aparecían descritos os seus coñecementos médicos nos espacios de propaganda que normalmente os xornais reservaban na penúltima e na derradeira páxina de cada exemplar. Si é certo que actuou moitas veces como médico forense e quizais nesas circunstancias exerceu unha cirurxía “ad hoc” nas necesarias autopsias). Un día por semana faino gratis para as persoas pobres. Aquí permanecerá ata que o 10 de marzo do ano seguinte arde a súa casa, e o 29 deste mesmo mes morre a súa nai Juana López Mourenza. Un tempo máis tarde instálase no número 19 da rúa da Raíña e algúns anos máis tarde volta á casa paterna, na rúa da Tinería, onde vivirá ata a súa morte.

Co paso do tempo Rodríguez López chegaría a ser unha persoa de recoñecida relevancia social da pequena cidade que era Lugo na época que lle correspondeu vivir. Neste aspecto «[... puede decirse que se abrió paso por su solo esfuerzo, luchando muchas veces contra las pequeñeces y ruindades que se encuentran en el propio pueblo, y contra ciertos inexplicables enemigos que adquieren, sin darse cuenta, todos aquellos que merced a sus aptitudes, a su estudio y aplicación, consiguen elevarse por encima del nivel ordinario de los hombres.]» (CORREA FERNÁNDEZ, Antonio. Historia de fin de siglo. Tipografía de A. Villamarín, Lugo, 1900. Tomo II, páxs. 173-175).

Profesor estudoso de Jesús Rodríguez López

Un día por semana atendía gratis ás persoas pobres no seu despacho na Tinería