«Estou moi orgulloso de ser da Fonsagrada»

Suso Varela Pérez
suso varela LUGO / LA VOZ

A FONSAGRADA

foto manuel

Isma é unha peza clave para o ascenso do Parrulo a Primeira División de Fútbol sala

24 may 2017 . Actualizado a las 14:11 h.

Os soños ás veces se cumpren. E no caso do fonsagradino Ismael Samartino Obarrio dobremente. Desde hai tres temporadas forma parte da platilla do Parrulo de Ferrol de fútbol sala. A chegada do lucense Diego Ríos ao banquiño do equipo ferrolá foi decisiva para que Isma, como se lle coñece nas pistas, dese o salto desde A Fonsagrada a Ferrol, pasando polo medio pola Coruña, donde estudou Arquitectura Técnica. Pero este ano está a ser especial, non só porque se está a asentar de xeito laboral, senón porque O Parrulo, no que é unha das pezas clave do equipo, acaba de ascender á Primeira División do fútbol sala español.

-¿Foi unha sorpresa o ascenso?

-Total, porque temos o presuposto máis baixo da Segunda División e partíamos coa idea de non descender, pero pouco a pouco fomos gañando en confianza, cremos en nós, e chegamos aos play off co Elxe. Perdemos o partido de ida en Ferrol, pero fomos a Elxe con ilusión e a pelota entrou e forzamos un terceiro partido e conseguimos gañar.

-Creo que tivo o apoio dos fonsagradinos neste play off.

-Si no partido de Ferrol moitos e logo en Elxe subíronse nun coche cinco amigos meus para o sur e logo meus pais, miña irmá e miña moza tamén estiveron dando ánimos na cancha. Pero chegáronme un montón de mensaxes e felicitacións da Fonsagrada. Teño que darlles as grazas a todos.

-Os entendidos din que vostede é unha peza fundamental.

-Xogo do que me toca, de peche, de ala, onde faga falta. Somos todos amigos, como unha familia, e iso creo que foi fundamental para conseguir o éxito.

-Cando comezou na Fonsagrada pensaba chegar tan lonxe no deporte?

-Para nada, na Fonsagrada xogaba cos meus amigos como se fose un hobbie. Pero chegou Diego ao banquiño do Parrulo, coñecíame algo e tamén lle falaron de min, e como unha experiencia funme a Ferrol. O primeiro ano foi de adaptación, o segundo non tan bo como queríamos e o terceiro ven este salto. Nunca se nos pasou pola cabeza o ascenso porque somos todos amateurs.

-¿De cativo ía aos ver os partidos do Azkar?

-Cando era pequeno si que ía a Lugo ás veces cos amigos ou o via por televisión. Ao fútbol grande na Fonsagrada non podíamos xogar porque ata hai dous anos non houbo un campo de fútbol, así que todos os nenos das escolas deportivas acabamos no fútbol sala. Non había outra opción, porque se quería dedicarme ao fútbol grande tería que ir e vir todos os días a Lugo e iso sería tamén unha paliza para meus pais...

-¿Que lles comentan os afeccionados do Parrulo?

-Están orgullosos de nós, porque hai que pensar que a outra ocasión na que estiveron en Primeira Divisón foi hai quince anos. O día antes de irnos a Elxe viñeron ao adestramento decenas de afeccionados a animarnos e iso daba moias forzas.

-E ademais de xogar ao máximo nivel, estase a formar e a traballar.

-Si estudei Arquitectura Técnica na Coruña, tiven este ano unha bolsa de traballo e agora vou ter un contrato. Os pes hai que telos na terra.

-¿E como se compaxina deporte de competición e estudos?

-Pois non queda outra que con moito sacrificio e renunciando a moitas cousas. Perdes tempo de estar coa familia, cos amigos, coa moza. Pensa que te levantas ás oito da mañá para traballar, comes, vaste adestrar e chegas a casa á once da noite derreado. E logo as fins de semana de viaxe...

-Pouco tempo lle queda para regresar á Fonsagrada.

-Non podo ir moito, non (risas). Pero o que si teño claro é que estou moi orgulloso de ser da Fonsagrada, pola xente e por todo o que significa.

-Vamos, que este ano o butelo nada.

-(Risas). Iso tamén forma parte do sacrificio. Xa teño ganas de ir no verán á Fonsagrada e poder tomar unhas cervexas. No deporte de nivel tes que coidar moito a alimentación e esquecer as saídas noturnas.

-E a vindeira temporada no Parrulo como a ve? Ou se aparece unha oferta, irase?

-Non irme non, porque estou a comezar no traballo e no Parrulo estou a gusto. Pois imos sufrir e imos ter que correr moito, porque é unha liga e un nivel de máxima esixencia. Pero tamén hai que pensar que imos a gozar. Pero agora non penso moito niso, só en descansar.

-A mágoa é que non haberá derbi co Burela

-Si, imos ocupar a praza que deixaron eles en Galicia. A verdade é que foi inesperado. Se ao inicio da temporada me din que eles baixan e nós subimos...

-Que foi para vostede o seu referente no fútbol sala?

-De cativo encantábame Alemao, que xogou en Santiago e Ferrol. Eu penso que foi un xogadorazo

O Parrulo nútrese da canteira do Azkar-Prone con outros catro lucenses

Isma Sanmartino non é o único lucense que milita no Parrulo. Hai outros tres xogadores e mailo técnico que teñen a súa orixe en Lugo, e en concreto na canteira do Azkar-Prone.

Trátase do adestrador, Diego Ríos (Lugo, 1984), que tamén adestrou ao Prone; do porteiro Ignacio González «Illi» (Lugo, 1991), do peche Diego Núñez (Lugo, 1993) e do ala Santiago Otero Longarela (Lugo, 1987).

Os catro foron fundamentais no éxito do Parrulo e demostran que da canteira do fútbol sala lucense saíron xogadores de nivel competitivo e que agora trunfan noutros clubes.

Por este motivo, o caso de Ismael Samartino ten máis mérito, porque desde a modestia da Fonsagrada foi quen de sacar talento para trunfar, con moito sacrificio, segundo el mesmo tamén recoñece.