Dani Pardo, Recanteiro de Baralla no Luar: «Pasei a adolescencia de verbena en verbena, e eses foron os mellores anos da miña vida»

CANDELA F. ROLDÁN LUGO/ LA VOZ

BARALLA

Dani Pardo, recanteiro de Baralla no programa Luar.
Dani Pardo, recanteiro de Baralla no programa Luar.

O artista lanza agora a súa carreira en solitario polas distintas romerías e festas privadas celebradas en Galicia

15 jun 2023 . Actualizado a las 14:28 h.

Dani Pardo (Baralla, 1992) leva os ritmos latinos por bandeira, e é que o artista lucense asegura que as romarías galegas sempre foron a súa maior inspiración. «Pasei a adolescencia de verbena en verbena, e eses foron os mellores anos da miña vida», di con orgullo o exconcursante de «Recantos» do mítico programa de televisión da CRTVG Luar, que agora continúa a viaxar de vila en vila, pero subido aos escenarios.

Dende pequeno, o barallense soñaba con poder cantar temas de Miguel Torres, Juan Pardo ou Ana Quiro, algúns dos artistas cos que Dani Pardo descubriu que o seu tamén era a música. «No 2014 decidín probar sorte en Luar e, aínda que non logrei unha boa posición no concurso, nada me freou», afirma o artista, que comeza agora a súa carreira en solitario cos mellores temas de cumbia, merengue, salsa, pasodobres, rancheiras e temas de actualidade.

«Eu o que quero é que a xente se divirta, tal e como fixen eu con tantas e tantas orquestras», explica o recanteiro, que tamén versiona algunhas cancións dos seus artistas favoritos para darlles un toque persoal, tal e como fixo a semana pasada nunha actuación televisada co tema «A miña aldea» de Ana Kiro, que Dani decidiu dedicarlle á xente de Mazaílle, unha pequena aldea do municipio de Baralla, na que Dani medrou coa «música a costas».

«O meu momento»

Despois de case unha década actuando con diferentes grupos do Bierzo e de Pontevedra por toda Galicia, Dani decidiu lanzarse agora en solitario porque sente que este é o seu momento, polo que o barallense se move en función das contratacións que lle ofertan para cantar tanto en festas privadas como nos distintos concellos a través do número 628 14 95 32.

«Pasiño a pasiño»

Dani Pardo, que tamén participou o ano pasado no programa «Quen canta aí?», di que el vai «con todo», pero tamén explica que non sempre viviu un «camiño de rosas», xa que el esperaba mellores resultados no concurso de «Recantos», e di que a exposición tamén lle xogou unha mala pasada a nivel mental. «Cheguei a plantexarme tirar a toalla e deixar a música atrás», asegura.

Coa música ao estranxeiro

O artista, que continuou compaxinando a súa vocación co traballo de comercial, di que tamén foi necesario para el «ver outras cousas e incluso aprender a enfrontar as negativas que se presentan na vida, porque saes máis fortalecido delas», sostén convencido. «Todo chega ao seu tempo, hai que ir pasiño a pasiño».

Aínda que o barallense asegura que por agora o seu obxectivo é continuar coa súa carreira en solitario por Galicia, o certo é que, de cara a un futuro, o seu soño sería levar a súa música ao estranxeiro, en especial aos países nos que a poboación galega emigrou de forma masiva nos séculos XIX e XX, como Arxentina, Cuba ou México. «Retornar a eses lugares cos meus temas pareceríame un regalo incrible», afirma Dani Pardo, que di que todas estas ideas non paran de pasarlle pola cabeza, pero que prefire ir pouco a pouco e seguir traballando como ata agora.