«O muro de Trump para os eucaliptos quérennolo levantar en Castroverde»

Dolores Cela Castro
dolores cela LUGO / LA VOZ

CASTROVERDE

A asociación conta con 360 membros que reivindican poder plantar pino «nintens» nos montes do concello

08 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

José Manuel Reguera Pereira preside a Asociación de Productores dos Montes de Castroverde, que se presentou publicamente o pasado sábado. Conta xa con 360 socios que acordaron pedir unha entrevista co presidente da Xunta para expoñerlle a súa principal reivindicación: que os propietarios de terras de Castroverde teñan as mesmas posibilidades de plantación de eucaliptos que os doutros concellos galegos. Co decreto que aínda non está en vigor, que regula as repoboacións desta especie, Castroverde, xunto a outros concellos da montaña de Lugo, quedarían excluídos de facelo.

-¿Qué acordaron na asemblea do sábado?

-Marcámonos un guión, e ímolo seguir. Acordamos pedirlle unha entrevista o presidente da Xunta e xa a solicitamos.

-¿Cales son as reivindicacións que prantexan?

-Queremos ter os mesmos dereitos que o resto dos concellos galegos. O borrador que se filtrou no ano 2016 que regulará as repoboacións con eucaliptos e que prohibe as acacias imposibilita o Concello de Castroverde para plantar eucaliptos nitens, o que, na práctica supón unha expropiación en toda regra, xa que limita as posibilidades de aproveitamento dos propietarios e menoscaba o valor das terras. O noso obxectivo non son as plantacións masivas de eucaliptos, pero si que podamos facer o mesmo que concellos limítrofes como os de O Corgo ou Pol.

-¿A que se refire?

-A que en Pol e no Corgo poderán plantar eucaliptos cando saia a nova norma, e en Castroverde non. O dono dunha finca que teña parte nun concello e parte noutro, do lado de Pol, por exemplo, poderá plantar, do de Castroverde, non. O muro de Trump para os eucaliptos quérennolo levantar en Castroverde. Os concellos limítrofes non van ter esas limitacións e parécenos inxusto.

-¿Cal é a situación na actualidade en Castroverde?

-Actualmente xa está bastante restrinxido por parte do PXOM aprobado hai dez anos e que protexe as frondosas. O 20% da superficie está baixo o paraugas da protección paisaxística. Isto non ocorre nun en Ortigueira nin en Santiago, por poñer dous exemplos. Nós non pretendemos que en Castroverde se fagan plantacións intensivas de eucaliptos coma na costa, pero si ter a posibilidade de poder facelo, que se nos nega co documento que se filtrou a primeiros do ano pasado. Tal como está diseñado, supón un agravio fronte a outras zonas de Galicia e, en Lugo, da Mariña. Insisto, non pretendemos isto, pero si unha certa flexibilidade e ordenación do territorio. En último caso, conformariámonos co que está estipulado no PXOM, con todo o restritivo que é.

-¿Que lle queren expoñer a Núñez Feijoo?

-Querémoslle pedir que faga unha visita a Castroverde para que vexa por que o decreto de repoboacións discrimina a zona de montaña. Cunha visita xa se dá conta do que está pasando. Pol non limita as plantacións, Meira, tampouco. Querémoslle transmitir que ten que entender que hai que regular o territorio doutra maneira. Hai propietarios que teñen terras en Pol e en Castroverde, e se este borrador segue adiante suporá que as que teñen en Castroverde deixen de ter valor. Insisto, pensamos que se nos está sometendo a una expropiación forzosa e sen posibilidades de indemnización.

-¿Pensa que non o sabe?

-En xaneiro o presidente da Xunta dixo no foro “Diálogos cos cidadáns” que estaba testando o proxecto normativo coas comunidades de montes e cos alcaldes. A nós non nos consultou nada, de momento. Nesa comparecencia Feijoo dixo que “todos estamos un pouco críticos co eucalipto e cando digamos aquí non se pode plantar eucalipto, esperamos que a xente que está en contra do eucalipto nos apoie”. Non son palabras miñas, está recollido desa maneira nas grabacións. Teño que dicir que o nitens está considerado planta invasora, cando non é así. Cando se corta unha plantación non volven nacer, o que non ocorre co glóbulus, que é o que está na costa. Hoxe hai unha demanda importante de madeira de eucalipto, que está alcanzando cotizacións históricas.

-Xa se entrevistaron co delegado territorial da Xunta. ¿Que lles dixo?

-En xaneiro fomos representantes das comunidades de montes de Castroverde e de Baralla reunímonos co delegado territorio, José Manuel Balseiro e co xefe territorial, Ramón Losada. Confirmáronnos que non se producira ningún tipo de avance en relación o decreto e que non estaba previsto ata que finalizara a redacción do Plan Forestal de Galicia. Tamén nos dixeron que se producía algún cambio se porían en contacto con nós, como afectados, para consultarnos.

-¿Cal foi a razón de crear a asociación?

-Porque nestes momentos pensan sobre os donos dos montes de Castroverde unha serie de ameazas. Queremos que quede claro que non a creamos en exclusiva para a xente que ten ou quere ter eucalipto nitens. Teñen cabida os que teñen outras árbores: nogueiras, carballos, castiñeiros, setas, gando. Estamos abertos a todos os que ven nos seus montes unha oportunidade de producir.

-¿Cal é o obxectivo que perseguen?

-Pretendemos que as nosas terras non perdan valor. Neste intres temos unha ameaza enriba: o decreto. Sospeitamos que vai significar que o prezo das terras de solo forestal de Castroverde vai perder valor sobre o de O Corgo, Lugo ou Pol, no momento no que se aprobe.

«Co decreto o dono dunha finca de Pol poderá plantar eucaliptos, e os de Castroverde non»

«Vai significar que baixe o prezo das nosas terras fronte aos concellos limítrofes»