«Un bispo débese aos seus fregueses e se non está de acordo ten que irse»

tania taboada LUGO / LA VOZ

FRIOL

CEDIDA

Meses despois de que o expulsaran de Friol, o párroco rompe o seu silencio e critica a nefasta xestión do bispado de Lugo

03 jun 2017 . Actualizado a las 10:14 h.

Hai máis de catro meses que os veciños de Friol están en pe de guerra contra o Bispado de Lugo pola decisión tomada co que consideran o seu párroco. Aínda que o anuncio da marcha do sacerdote Ramón Pérez García (O Saviñao, 1963) fíxose pública en xaneiro, a decisión por parte do Bispado estaba tomada facía tempo. O día 12 decembro do 2016, o cura recibía a chamada do Bispo de Lugo citándoo a unha reunión.

-¿A que pensaba que ía?

-Días antes anunciaranme que ía coller outra parroquia e pensei que sería para falar dese tema. A miña sorpresa foi cando o bispo me di que teño que abandonar Friol porque me trasladan a Quiroga e Ribas de Sil para levar 14 parroquias deses concellos.

-¿Colleuno entón por sorpresa?

-Totalmente. Quedei moi sorprendido e desconcertado. Levaba 13 anos vivindo en Friol e non entendía porque me obrigaban a abandonar as miñas 12 parroquias de Friol e as dúas de Guitiriz.

-¿Cal foi a súa reacción?

-Díxenlle que ía totalmente a disgusto pero tiven que aceptar a pesar de non querer porque non me deu outra opción. O Bispo non me preguntou se me parecía ben ou non. Tampouco me pediu opinión. Mandoume e punto.

-¿Por que non se opuxo?

-Pese a ir en contra da miña vontade, tiña que obedecer. Non quería problemas e non me gustaría que se xerara o que se xerou pero agora o problema está creado.

-¿Por que cre que o trasladaron?

-Por intereses afíns ao entorno do bispo. O cura dun barrio de Lugo non quería ir para o sur da provincia e mandáronme a min. Como eu son de O Saviñao quixeron venderme o favor de achegarme a casa. Eu non pedín ni desexaba o cambio.

-¿Que ocorreu?

-Revolucionar todo. Ten a diocese revolucionada. A conclusión que saco e que Alfonso Carrasco non está capacitado para levar o Obispado. O seu entorno, coa súa autorización, empezou a facer cambios que non estaban previstos. A idea era tapar baches pero o final o parcheado non lle resultou factible.

-¿Síntese apoiado polo resto dos curas?

-Sí. Algún ata me ofreceu casa porque eu non teño piso. Hai moitos curas molestos porque esta decisión tamén lles afectou a eles. O que me substituíu a min en Friol renunciou ó mes. Non soportou as manifestacións dos que pedían o meu regreso. O Bispo pasou totalmente de el. Tivo que deixar o Sagrado Corazón porque o vicario quixo meter aí a un amigo. Iso trastocou todo.

-Ao cabo de dous meses en Quiroga renunciou, ¿por qué e cómo se tomou o Obispado a súa renuncia?

-Renunciei por razóns de saúde e mandáronme a Navarra a un chequeo médico.

«Integreime por completo en Friol e síntome un veciño máis deste pobo»

Fillo de emigrantes, Don Ramón chegou ao seminario con 20 anos. Tiña moi claro que quería ser sacerdote. Tras dous años misando na igrexa de Santiago de A Nova en Lugo, seis en Sarria- Samos, chegou a Friol, onde fixou residencia. Aquí integrouse por completo.

-¿Esta decisión do bispado trastocoulle todo?

-Si. Tiña a miña vida montada en Friol. Vivía na casa reitoral e tiña os meus animais (cans, gatos, galiñas, coellos...) na casa dunha veciña. Estaba feliz.

-¿Como é o trato cos veciños de Friol?

-Mellor imposible. Considérome do pobo e un cidadán mais. Fago vida con todos e o trato é magnífico. Vou tomar un viño cos veciños, intento axudar as persoas que mais o necesitan, recibía aos peregrinos na reitoral, tiven a un vivindo comigo un ano....

-Din que no lle cobraba as misas aos mais necesitados, ¿é certo?

-Cobraba o que tiña que cobrar pero é certo que aos mais necesitados non lles cobraba. Eu trato de roubar aos fregueses o menos posible. Son un veciño mais e levo moito tempo aquí integrado.

-¿Plantéxase deixar de ser cura?

-Vendo estas actuación tés a tentación de irte. Son cura por vocación pero estas cousas vante minando. A nómina do outro mes deixeina en Pamplona e a deste mes non me chega para cubrir os gastos de Barcelona. O bispado pagoume o hospital pero o viaxe e a estancia tiven que pagala eu.

-Nunca na historia da diocese se lembra algo igual: un pobo unido, manifestándose en sinal de protesta polo traslado do seu párroco, acudindo tódolos domingos a varios lugares e sufragando eses gastos do seu propio peto ¿Imaxinou vostede algún día semellante «revuelo»?

-A verdade é que non. Os fregueses levan 16 manifestacións, unha concentración en Fátima, dous viaxes, un a Quiroga e outro a San Clodio para verme misar... e todo isto costeado por eles.

-¿Cre que logo da viaxe dos veciños a Fátima houbo movementos no bispado?

-Algo non me encaixa. Facía un mes que os veciños enviaran unha carta ó Vaticano explicando os motivos da protesta. Pasou ese mes e non obtiveron resposta. O pasado día 13 foron a Fátima e entregaron unha carta ao secretario do Papa. Tres días despois obtiveron unha resposta. Non o sei pero penso que esta mala imaxe que trasladou o bispado de Lugo vai pasar factura e pronto haberá cambios.

«O bispado pretende alonxarme dos veciños porque din que a miña presenza aquí alimenta as protestas»

Ramón Pérez non compartiu a decisión do bispado pero aceptouna por obriga. Considera que o bispo Alfonso Carrasco está rodeado de persoas que probablemente deixan moito que desexar na xestión deste asunto. O pasado xoves pola tarde produciuse a última reunión. Horas más tarde, no bispado recibiuse a visita do Cardeal Rouco Varela.

-¿Cantas reunións mantivo co bispo desde que empezaron as protestas pola súa marcha?

-Tiven unhas seis ou sete e sempre foron para o mesmo. A principal idea del era que os fregueses pararan as protestas para non danar a imaxe que estaba dando a igrexa.

-¿Cal foi a última reunión que mantivo co bispo e que se tratou nela?

-A última xuntanza foi este xoves pola mañá en Lugo. O bispo pretendía que fixera unha manifestación pública nun medio de comunicación para frear as protestas dos veciños de Friol e Lugo. Eu xa lle dixen que non as empezara e que non era eu quen as tiña que parar. Tamén me dixo que tiña que entregar as chaves da casa reitoral de Friol, polo que desde ese día estou buscando un domicilio. Xa me ofreceu moita xente casa. Nesta xuntanza tamén me dixo que tiña que ir a Barcelona do 21 ao 30 de xuño para facer os exercicios espirituais.

-¿Como define a actitude do bispo tanto con vostede coma cos fregueses?

-Comigo totalmente ditatorial e cos fregueses nefasta. Pechoulles as portas, non quixo dialogar con eles... Un bispo que non escoita aos fregueses debería irse. Penso que se a actitude do bispado cos fregueses fora outra, posiblemente este conflito estaría rematado.

-¿Por que cree que actuou así?

-O bispo non está acostumado a isto. Nunca ninguén se opuxo tanto á marcha dun cura.

-¿Cre que o Bispo acabará cedendo?

-Penso que non. Está encaprichado e estano presionando para que non ceda. Rodéase de xente que deixa moito que desexar.

-Se o Bispo non cede, ¿plantéxase quitarse de cura?

-Non me pode dar outro destino dentro da diocese porque senón os veciños seguen reclamándome. Penso que un destino que barallan para min é Suiza.

-¿Que cre que está facendo agora o bispo?

-Intenta alonxarme dos veciños de Friol porque considera que se estou aquí alimento as protestas da plataforma.