De Parga a Eurovision: «Foi especial cando desde España nos deron os doce puntos»

GUITIRIZ

Gustavo Rivas

A cantante Verónica Codesal, integrante do grupo Ialma, lembra como quedou no segundo posto do festival no 2003 co grupo belga Urban Trad

02 mar 2017 . Actualizado a las 13:07 h.

Verónica Codesal viviu no ano 2003 o seu particular éxito de popularidade grazas a que o outro grupo no que forma parte, Urban Trad, representou a Bélxica no certame de Eurovisión que se celebrou en Riga (Letonia). Coa canción Sanomi, cantada por Verónica nun idioma inventado e con ritmos de música celta, foron unha auténtica sorpresa naquela edición do festival, ata o punto de case gañar aquela edición. «O recordo que teño é moi bonito. Era todo inmenso pero ía moi tranquila, como se fose un concerto máis e sen grandes expectativas, pero non sei porque, o mesmo día da actuación entráronme os nervios (rise) e nótase no inicio da canción, pero logo foi todo perfecto».

Verónica Codesal sabe que aquela actuación ía ser moi seguida non só en Bélxica senón en España e, especialmente, en Galicia e Guitiriz. «Estaban todos detrás apoiando, e quizais foi esa responsabilidade a que me fixo ter os nervios, e iso que iamos como outsiders e quedamos segundos a dous puntos de Turquía». Si explica que houbo un momento especial: «Foi emocionante cando nos deron os 12 puntos de España».