Xermolos amosa por Galicia adiante o seu proxecto de recuperar a casa natal de Díaz Castro 

GUITIRIZ

CEDIDA

A mostra de Anxo Lamas sobre escritores chairegos exponse en varios lugares

26 abr 2017 . Actualizado a las 18:27 h.

A Asociación Cultural Xermolos, de Guitiriz, está a expoñer por diversos lugares de Galicia o seu proxecto de recuperación da casa natal do poeta Xosé María Díaz Castro, situado no barrio do Vilariño (Os Vilares). O inmoble pertence dende hai anos á asociación, que tenta restauralo para darlle usos socioculturais  pero que aínda non atopou fondos para ese plan. 

En días pasado, responsables do colectivo desprazáronse ao Carballiño e a Panxón, onde participaron en actos variados. Na vila ourensá, por exemplo, proxectáronse o documental «O instante eterno», dirixido por Xosé Antón Cascudo e centrado no poeta, e os dous «spots» da campaña «Salvemos a casa de Díaz Castro», dos que é autor Bruno Pena. Para este venres está previsto un acto en Santiago.

Entrementres, a exposición de Anxo Lamas sobre escritores da Terra Chá, que xa se instalou en Guitiriz e que o artista doou a Xermolos para ser levada á casa de Díaz Castro cando se restaure, anda tamén a percorrer Galicia. Dende hai días, pódese ver no Carballiño.