Xermolos recadou xa máis de 20.000 euros para arranxar a casa de Díaz Castro

GUITIRIZ

CEDIDA

Membros da asociación expuxeron os seus proxectos no País Vasco hai varios días  

24 may 2017 . Actualizado a las 21:32 h.

A loita da Asociación Cultural Xermolos por acadar fondos que lle permitan restaurar a casa natal do poeta Xosé María Díaz Castro, situada no Vilariño (Os Vilares), está a dar os seus froitos. O colectivo leva xa recadados máis de 20.000 euros dentro da campaña que persegue obter fondos para esa fin: quedan aínda varios días antes do remate da campaña, previsto para o sábado, e o obxectivo de Xermolos diríxese a xuntar 24.640 euros, cos que se levarían a cabo traballos na cuberta do inmoble.

Para achegar fondos a esta iniciativa pódese facer un ingreso nunha conta aberta en Abanca (ES 4120800122483040003376) ou participar na campaña de micromecenado aberta na rede (https://www.goteo.org/project/a-casa-da-xente).

Por outra banda, membros da asociación desprazáronse a semana pasada ao País Vasco: na Universidade de Deusto e en varios centros galegos expuxeron trazos de seu labor, con especial atención ao vencellado coa recuperación da casa natal do poeta.   

Monolito

Nesa viaxe ao País Vasco, tamén se participou na descuberta dun monolito dedicado a Manuel María en Llodio, realizado polo escultor Xosé Val Díaz (Valdi). O poeta de Outeiro de Rei leu nesa vila, en 1990, o pregón do Día de Galicia en Esukadi.