«Os rapaces demostran que o rural en Guitiriz está máis vivo ca nunca»

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PALACIOS VILALBA / LA VOZ

GUITIRIZ

SUSO PENA

Salienta que os alumnos superan medos e complexos nas actividades nas que chegan a participar

26 jun 2017 . Actualizado a las 12:46 h.

O instituto de Guitiriz ten adquirido sona e prestixio nos últimos anos por actividades relacionadas co autor que lle dá nome ao centro. O traballo musical, no que mesmo se adaptaron poemas de Díaz Castro, é outro dos ámbitos aos que se lles adica atención.

-Ten desenvolvido diversos proxectos musicais con participación de alumnos do instituto. Como é o grao de implicación deles?

- Os proxectos que levo a cabo con eles na aula de música xorden en función da diversidade e de intereses que ten o grupo co que traballo. Xa traballamos a temática de integración de alumnado procedente doutras culturas en Na outra beira (escénico-musical), ou como se achega á poesía un rapaz adolescente (A noite é necesaria), ou o acoso escolar na curta Pingas de auga, por poñer algún exemplo. Cada ano é diferente, polo que estes proxectos se adaptan a varios factores; relacións do alumnado dentro da aula, forma de participar, intereses na súa vida cotiá ou temas que lle preocupan na súa vida no centro ou fóra. Mais cando comezo un traballo e xorde unha proposta adaptada a eles, o que teño claro é que o obxectivo principal e a participación de todo o alumnado na actividade, sen excepción, sen limitacións. Todos poden aportar algo ao grupo, e teñen que aprender cómo facelo, deixando atrás medos e complexos, aínda que en moitos casos tardan en velo e en saber cal é o seu papel. Cando atopan o seu oco, cámbialles a cara e a forma de traballar. Mais non sempre o consigo; ás veces remata o curso, e quédame algún grupo onde non conseguín que saísen fóra e expresasen con claridade, a través da música, proxectos audiovisuais, obras escénicas ou mesmo curtametraxes. Isto non me desgusta; penso que non era o seu momento e que cada un leva o seu ritmo; para ser capaces de madurar e ser humildes traballando en equipo co resto do grupo, hai que respectar os tempos, máis sendo músicos. Apréndese moito cando as cousas non saen co ritmo que agardabas.

- Tense achegado á obra de Xosé María Díaz Castro e musicou algún poema seu. É un poeta máis difícil ca outros para ese labor?

-Certo. Xa perdín a conta. Creo que dez poemas de Díaz Castro, un disco en si mesmo; todos eles, gravados no instituto polos rapaces de música, un proxecto que traspasou os lindes do esperado, chegando como recurso didáctico a centos de centros e a diferentes materias. O curso pasado rematabamos este longo traballo de catro anos, coa presentación do proxecto «Nimbos de Música», interpretado por alumnado de primeiro de Bacharelato e cuarto da ESO, que xa podedes ir escoitando en soundcloud; estamos subindo os temas pouco a pouco. En anos anteriores, gravaramos xa a música para o documental A lus do mundo e tamén para a película Os camiños esquencidos. O máis importante é que neste traballo participaron todos, non foron alumnos elixidos polas súas grandes dotes musicais ou boas notas nos estudos na materia. Algúns chegaron a entender a Díaz Castro e a importancia da expresividade a través dos arranxos da percusión, das guitarras ou das voces e mesmo recollendo cunha cámara momentos de ensaio na clase e gravando fragmentos de versos para corrixir posibles erros. Díaz Castro gañounos a todos, dentro e fóra do centro; non é fácil de musicar se non chegas a sentir algo coa magnífica e sutil terminoloxía que utiliza. Eu posiblemente non entendín os poemas coa mesma idea que quería transmitir o poeta, pero si tivemos algo en común: queriamos emocionar e enriquecer a forza da palabra coa musicalidade propia da nosa língua.

-Sente predilección por algún poema de Díaz Castro en particular? Por algunha razón especial?

-Todos foron un reto, e penso que teñen unha cor ben definida; mais o primeiro que vén agora á miña mente, se teño que escoller un, é Esmeralda. Compuxen a súa música nun momento puntual de gran sensibilidade física e emocional, mais gústame porque trae consigo a mensaxe que lle cantaría a calquera cativo que se sinta menos que os outros, na súa escola ou noutros ámbitos da vida. «Herba pequerrechiña,/ que con medo surrís (...) O Universo sería máis pequeno sin ti!».

-Ten dirixido tamén unha curtametraxe. Como é, no seu caso, a relación entre cine e música?

-O curso pasado, co grupo de alumnos de segundo da ESO, mergullabámonos nun proxecto de aula que xurdira para axudar á implicación e participación activa de alumnos que noutras actividades da materia estaban algo máis dispersos. A curtametraxe que dirixín, Pingas de auga, sen buscalo nin esperalo, foi premiada pola Fundación Barrié e pola Asociación Arela como recurso didáctico para previr e concienciar sobre o acoso escolar. Eramos un grupo numeroso e atopamos a nosa vía de escape a través dun traballo que axudase a combater o acoso escolar nos centros educativos. A idea gustou, e os rapaces aportaron moito non só en canto a reflectir a través da curta o que é para eles o acoso escolar, senón tamén emocionando coas notas que crearon no momento de expresar como se sente un rapaz acosado. O tema instrumental foi creado por eles na aula en grupos de traballo. Tiveron que compoñer, traballar a voz falada para a narración e a voz cantada para interpretar o tema final. Isto favoreceu a cooperación dos maiores cos máis cativos, xa que os compañeiros de cuarto axudáronlles na gravación do tema vocal. Fixemos moitos mais traballos audiovisuais: o último, este ano, un tema creado en colaboración coa miña compañeira Noemí Fernández, de Educación Física, para educar en valores a través do deporte e da música. Chegaremos xuntos é un himno que nos lembra a importancia do compañerismo, de vivir a vida con deportividade, respectando as idades e a forma de ser de cada un. Tamén é unha homenaxe á importancia do rural, que, como ben demostran estes rapaces cos seus traballos, en Guitiriz está mais vivo que nunca. No blog da nosa biblioteca están recollidos todos estes traballos.

«Atopamos a nosa vía para axudar a combater o acoso escolar nos centros educativos»

«Apréndese moito cando as cousas non saen co ritmo que agardabas»