Sen o artesán morre todo

CARLOS VÁZQUEZ

LUGO CIUDAD

NO OUTEIRO | O |

11 abr 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

UN PASTELEIRO tradicional de Lugo transmíteme que non hai quen desexe seguir no seu oficio. «A xente nova xa non quere un traballo tan suxeito coma este», afirma. Ao mesmo tempo, outro artesán confesa que vai deixar de facer un labor ancestral como é o das cadeiras de madeira. «Xa non digo a filla pero ningún dos netos quixo aprender», di con queixume. Ámbolos dous teñen para min a mesma pregunta: ¿Que será disto que eu fago o día de mañá? Coa desaparición dos artesáns non só se perde a nosa maneira de tecer un cesto ou de levantar unha peza de barro para convertela en cerámica, senón que tamén deixa de existir unha xerga, unha linguaxe que iso si que é única. En calquera continente podemos atopar un ferreiro, un ceramista ou cesteiro pero en ningures máis que en Galicia escoitaremos o «verbo dos arxinas» tamén coñecido como o «latín dos canteiros» de Pontevedra, por exemplo. Tampouco en ningures agás en Nogueira de Ramuín ouviremos, se cadra, o barallete dos afiadores. E só no Rosal (Pontevedra) poderemos aprender a fala dos cabaqueiros ou telleiros. En ningures. Agora ben, de que se perda todo este patrimonio ten culpa a Administración. Canda o avance dos tempos, pode ser posible e falta unha verdadeira política encamiñada a evitar a extinción do que foi e representaron os oficios tradicionais.