Día das Letras Galegas 1997, Ánxel Fole

Luís Manuel García Mañá

LUGO CIUDAD

14 may 2012 . Actualizado a las 19:32 h.

Achegarse á obra de Ánxel Fole é como abrir un roupeiro de castaño e recibir o arrecendo dun tempo pasado, xa que Fole é o cronista dunha época que estaba a esmorecer cando publicaba a parte fundamental da súa obra, aló polos anos cincuenta do pasado século. Certo é que cultivou distintos xéneros literarios, mais é coa narrativa (relatos breves, contos e artigos xornalísticos) onde destaca como un dos escritores galegos imprescindibles. Xunto ao seu amigo Álvaro Cunqueiro e a outros magníficos narradores, atopou nas terras de Lugo o substrato preciso para alumar, con luz de seu, no abrente da literatura galega que se estaba a recuperar nesa xeira, de man da editorial Galaxia.

O coñecemento da xeografía sentimental que Fole amosa na súa escrita, retratando con mestría os personaxes e as terras do Incio, Quiroga e o Courel, entre outras, reforzado polo dominio da tradición oral e dos usos lingüísticos do lugar, fan del un autor próximo, axeitado para quen se achegue ao noso cosmos literario. Fernández del Riego, baixo o pseudónimo de Salvador de Lorenzana, sinalaba no limiar da segunda edición de Á lus do candil que este era un libro de «contos contados». Ese é un bo resumo do pouso que deixa boa parte da obra de Fole, enriquecida polo preciso uso toponímico e onomástico dos relatos e a sinxeleza duns argumentos que entroncan coa antropoloxía do país.

A súa contribución á arquitectura da palabra escrita da nosa terra foi o baseamento para nomealo membro numerario da Real Academia Galega no ano 1963.

* Obra

-Á lus do candil, 1953

-Terra brava, contos da solaina, 1955

-Contos da néboa, 1973

-Historias que ninguén cre, 1981

Ánxel Fole

*Lugo, 1903

*Lugo, 1986