Un coliseo de 1.112 butacas que foi vítima da especulación urbanística

fernando arribas arias LUGO

LUGO CIUDAD

Esta fotografía foi tirada en outubro de 1990 durante a celebración dunha semana de cine.
Esta fotografía foi tirada en outubro de 1990 durante a celebración dunha semana de cine. X. marra

O inmoble tiña unha artística fachada, contrariamente ao dito por algún político

15 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Contrariamente ao que aconteceu noutras cidades de Galicia, Lugo non conserva ningún dos seus vellos cines, exemplos dunha arquitectura dedicada á sétima arte que marcou toda unha época. Coliseos como o Central Cinema, o Cine España, o Cine Kursal ou, máis recentemente, o Cine Paz caeron baixo a piqueta en aras dunha especulación que só deu paso a edificios de vivendas que nada achegan á historia da arquitectura e que o seu único valor é o de estar ben situadas.

De todos estes coliseos o máis rechamante foi o Gran Teatro, emblemático edificio debido á man de Alfredo Vila López, arquitecto lucense que estudou na Escola de Arquitectura de Madrid, onde coincide cos membros da chamada Xeración do 25. Inxustamente esquecido, Alfredo Vila foi, xunto con Eloi Maquieira, o principal representante da arquitectura racionalista en Lugo, estilo que impregnou de toques persoais de influencia Art Decó. Ademais dun bo número de edificios de vivendas,

Vila foi tamén autor de construcións destinadas a cinematógrafos como o Salón Cinema de Ferreira do Valadouro, o Gran Teatro, o Central Cinema, o Cine Paz (estes tres últimos en Lugo), o Capitol e a Fraternal de Monforte, o Cine Colón de Ribadeo e o Capitol de Melide, todos eles desaparecidos, agás o primeiro, que se atopa en estado de abandono.

O Gran Teatro foi inaugurado o 17 de maio de 1940, coa película La última falla, dirixida por Benito Perojo e coa intervención de Miguel Ligero, Matilde Vázquez, Julio Peña e Maruchi Fresno.

Levantábase no solar que ocupara outro emblemático edificio: o Teatro Circo (do que conservou o lenzo lateral dereito, así como tamén o muro de peche cun enreixado) obra do arquitecto Álvarez de Mendoza, que abre as súas portas o 8 de agosto de 1896. Neste Teatro Circo tiveron lugar as primeiras proxeccións cinematográficas que houbo na cidade, desenvoltas o 7 de xullo do ano 1897. Denominado Teatro Principal, a partir de 1921, no que traballaba o meu avó como conserxe, baixo este nome inaugura o cine sonoro, evento que ten lugar o 11 de maio de 1931, coa película Campanadas de la vida. (Hai máis información na páxina 84 do libro O Cine en Lugo 1887-1977. Notas para unha historia cinematográfica. Vigo: Xerais, 1996).

Pero volvamos ao Gran Teatro. Contrariamente ao que manifestou algún político lucense, presentaba este cine unha artística fachada que serviu de modelo á do Cine Colón de Ribadeo e á do Salón Cinema do Valadouro, se ben estas últimas eran máis sinxelas na súa composición e sobrias na súa decoración. Non imos describir o edificio, xa que basta con ollar unha das fotos da súa fachada, compositivamente moi equilibrada e de liñas depuradas, ademais de ter un fabuloso escenario e unha sonoridade sorprendente. Foi todo un luxo na súa época e unha excepcional obra de Vila, quen soubo crear unha singular ?arquitectura cinematográfica? representativa dunha época na que o cine era o espectáculo de masas por excelencia.

Segundo o Anuario del Cine Español, dos anos 1955-56, contaba o Gran Teatro cun aforo de 1.112 localidades (O novo auditorio ten 900) estruturadas en butaca de patio, butaca de entrechán, anfiteatro e xeral. Os primeiros propietarios deste coliseo alugáronlle a sala ao Círculo de las Artes, realizándose o contrato a través da empresa Fernández y Sánchez S.L., da que un dos seus membros era Sánchez del Valle, que foi presidente do Círculo. Despois da morte dos propietarios do edificio, este pasou ás mans de Berta Barrio e dos irmáns Fouce Vila (José e María), que lle arrendaron o teatro, en 1968, a Luis Botas Blanco pero, á morte deste, fíxose cargo del a súa dona, María del Pilar Díaz Sánchez que, en 1972, llo subarrendou á empresa Fraga.