«Agora co fútbol pasa como coas orquestras: tocan 3 e as outras fan circo»

Xosé Carreira LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

óscar cela

O ex xogador e adestrador do Lugo di que ao deporte rei «sóbralle de todo»

06 mar 2017 . Actualizado a las 12:33 h.

Vinte e un anos no Club Deportivo Lugo, trece como xogador e oito como adestrador. Gonzalo Edrosa (A Pastoriza, 1961) é home de fútbol. É un dos históricos máis apreciados que agora está envolto no seguimento do seu fillo que xoga no Castro, en Terceira División. Advirte que do fútbol da súa época pouco queda porque o actual, sobre de todo nas categorías superiores, é circo.

-Moito choveu dende aqueles domingos, con tardes de frío e pulmonía, nos que íamos ao fútbol vostedes os xogadores, os xornalistas e pouco máis...

-Si, e tamén os afeccionados de sempre.

-Nunca pensabamos que o Lugo xogaría en Segunda, pero cambiou o conto...

-Non, certamente non, sobre todo cando estabamos en terceira. Cando subimos a Segunda B, dubidabamos de que nos puideramos manter nesa categoría e logo comprobamos que competiamos tranquilamente cos demais. De tódolos xeitos, nada ten que ver co que vivín eu e o de anos posteriores, e tamén co de agora. Na actualidade o fútbol profesional ten máis medios. Sóbralle de todo. Só hai que acertar no tema deportivo porque o diñeiro aparece.

-¿Daquela tiñan que poñer diñeiro do seus petos?

-Eu non cheguei a facelo. Tampouco se cobraba ou se percibía o xusto. Todo era escatimar. As directivas queixábanse de que non tiñan cartos. Tiñan que pagarlle aos de fóra e, o final, os da casa estabamos por dúas pesetas.

-¿Non cre que agora o fútbol é coma un programa de telelixo?

-Agora de fútbol queda pouco. Todo é montaxe. Pasa igual que coas orquestras: farán música tres ou catro; as outras, montan o circo a súa maneira. Fútbol, canto máis arriba, menos queda. Dicía Arsenio Iglesias que de fútbol actualmente quedaba, máis ou menos, un trinta por cento. É verdade.

-¿E iso non é malo para os rapaciños que comezan?

-O dos rapaces é outra historia. Aínda que deixei de adestrar hai tempo, coñezo a situación. Hai que prestarlles atención de verdade e sobre todo hoxe que hai moitos medios. Un club profesional como é o Lugo tenos, e nesa parte é onde teñen que estar os mellores adestradores e educadores, as mellores persoas. Non se poden “vender” historias de que se esixe que estudes para poder adestrar. Ao contrario: hai que facilitar os estudos, animar, dar confianza e facer saber que se fan as cousas ben teñen posibilidades. Cando xoguei co Sestao, en Segunda B, adestraba de xeito esporádico con Álvarez Renda na OJE de cadete; aínda que estiven pouco tempo, teño un grande recordo deste home. Este tipo de xente é a que hai que rescatar para o fútbol, para as categorías de abaixo. Outros técnicos teñen necesidade de progresar, de darse a coñecer... pero os rapaces requiren outros coidados; non é chegar e facerte ver para que se fixe en ti Xan ou Pedro e, canto máis berras mellor adestrador es, non. Os mozos precisan ambiente cómodo, teñen que estar a vontade. Ténselles que esixir, pero iso non significa que haxa tensión todos os días. Asusta chegar a un sitio e escoitar berros por todos os lados.