«Nacemos sendo científicos, pero o sistema educativo vainos cortando as pólas»

LUGO CIUDAD

Este divulgador científico imparte hoxe no CEIP Illa Verde a charla «Unha viaxe á máquina da mente»

08 mar 2017 . Actualizado a las 16:08 h.

O neurólogo e divulgador científico Xurxo Mariño (Lugo, 1969) imparte hoxe ás 12.30 horas unha charla no CEIP Illa Verde, na que participarán un cento de alumnos de quinto e sexto de primaria. Esta actividade enmárcase dentro do programa sobre ciencia que puxo en marcha o colexio, con exposicións, experimentos, charlas... A conferencia de hoxe leva por título Unha viaxe á máquina da mente.

-¿Sobre que falará?

-Primeiro farei unha especie de introdución ao sistema nervioso e contareilles aos alumnos algún aspecto da súa evolución. Despois centrareime en explicarlles que funcionamos con electricidade, é dicir, o noso corpo funciona en gran medida porque co pensamento enviamos descargas eléctricas aos músculos. Para isto tamén poñerei en práctica varios experimentos.

-¿É difícil explicar conceptos científicos a nenos?

-Para min é máis difícil que para os adultos, porque primeiro hai que captar a súa atención. Pero unha vez que consegues iso é incrible porque ves unha efervescencia mental que non ves nos adultos. Ademais, os nenos mostran moita máis curiosidade e fan moitas preguntas. Neste caso, ao falarlles do aparato que levamos todos dentro do cranio soe interesarlles bastante e interactúan moito.

-¿Hai entón canteira de científicos?

-Por suposto, nacemos sendo científicos, pero despois o sistema educativo vainos cortando as pólas. Hai que buscar a forma de manter esa curiosidade porque a ciencia é esencial na nosa sociedade.

-¿Non vai polo bo camiño o sistema educativo?

-O cambio que houbo nas universidades co Plan Bolonia pon o interese en crear técnicos que teñan traballo e cartos, máis que en formar persoas que exploten as súas capacidades imaxinativas. En certa maneira, ten lóxica, pero é triste porque hai un enfoque demasiado claro en crear postos de traballo máis que en fomentar mentes abertas.

-¿Cales son os seus próximos proxectos?

-Ademais de seguir coa actividade na universidade e coa divulgación científica, en dous días sairá á venda o meu próximo libro de viaxes e de divulgación científica en castelán, con Extramuros, e en galego, con Xerais, Terra. Ciencia, aventuras e sorpresas dunha viaxe arredor do mundo. Por outra banda, continúo co actor Vicente Mohedano co espectáculo que inventamos, Código Sapiens, combinando teatro e charlas baixo o nome de discurshows.