«Agora apaixóname a fisioterapia»

Francisco Albo
francisco albo DATA / AGENCIAMONFORTE / LA VOZ

LUGO CIUDAD

alberto lópez

Hai catro anos abandonou a súa exitosa carreira deportiva, pero non se arrepinte

20 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Natural do municipio de Folgoso do Courel, María José Garrido Blanco ten ás súas costas unha exitosa carreira no voleibol feminino de élite, que se desenvolveu en parte nos clubes Emevé de Lugo e Ribeira Sacra de Monforte. Aos 31 anos abandonou as pistas para centrarse na súa actividade profesional como fisioterapeuta e hoxe, con 35, traballa na clínica lucense Rubén Felpeto.

-¿Non bota de menos o voleibol?

-Si, pero paréceme incompatible coa miña actividade actual como fisioterapeuta. Se me fixese algunha lesión xogando ao voleibol non podería seguir traballando como é debido e hoxe para min a fisioterapia é o máis importante. Ademais, agora aproveito para disfrutar doutros deportes que non podía praticar cando era xogadora de élite, como a natación e o ioga. Tamén vou correr e esquiar. No verán participo nalgún torneo de volei praia, pero iso é todo.

-¿Cando decidiu deixalo?

-Foi despois de sufrir unha rotura do tendón de Aquiles ao final dunha temporada cando xogaba co Haro da Rioxa. Primeiro decidín seguir xogando no Emevé de Lugo e combinando ese traballo coa fisioterapia, porque me formei para esta profesión. Pero despois, a media temporada, preferín deixar o volei e dedicarme por completo á outra actividade.

-Outros antigos xogadores seguen vinculados profesionalmente aos deporte como adestradores. ¿Non lle atraiu seguir ese camiño?

-Non, porque me interesou máis dedicarme á fisioterapia, que parece unha carreira moi bonita para seguir avanzando e mellorando. Non me arrepinto de terme desvinculado do volei porque a fisioterapia me apaixona. É un terreo que ofrece moitas posibilidades e que hoxe está tendo moitos avances. Levo convivindo con fisioterapeutas desde que tiña 14 anos e aprendín moitísimo dos que tiven cando era xogadora. Agora estou a facer cursos de posgrao para completar a miña formación e desenvolver este traballo o mellor que poida.

-En Monforte era considerada case como unha xogadora da canteira aínda que realmente non o era.

-Non, porque son da canteira do Emevé de Lugo. Pero a verdade é que en Monforte estaba moi a gusto e tratábanme como se fose da casa.

-¿Que representou na súa formación deportiva o adestrador monfortino Manolo Martínez, que se retirou hai pouco da actividade deportiva?

-Só o tiven como adestrador durante un ano, pero para nós era o maior referente do voleibol feminino en Galicia, xunto coa súa axudante Mónica Rodríguez. Entre os dous conseguiron que o club A Pinguela entrase na competición de élite e que fose o referente do voleibol feminino galego. Onde fixo especialmente un grande labor Manolo Martínez foi no seu traballo coa canteira.

-¿Que pensa ao ver como a súa antiga compañeira Noelia Sánchez segue xogando ao voleibol con 37 anos?

-Noelia elixiu seguir no deporte e vexo que segue tendo moi bon nivel e que fisicamente está nun excelente estado. Pero eu decidín seguir outro camiño e estou moi contenta de telo feito. Sigo vinculada ao deporte, pero doutra maneira, porque na clínica onde traballo está moi enfocada aos deportistas. Témolos de tipos moi diferentes. Hai moitos amateurs, pero tamén deportistas de élite.

«Decidín deixar

o volei porque

é incompatible

coa miña actual actividade»

Unha brillante traxectoria con máis de cen convocatorias na selección española

María José Garrido iniciou a súa carreira deportiva aos 14 anos nas categorías inferiores do Emevé lucense. Despois ingresou na concentración permanente da Federación Española de Voleibol, que nesa época tiña por escenario un centro de tecnificación situado en Pontevedra. Con 17 anos foi fichada polo club monfortino A Pinguela -actualmente Ribeira Sacra- e a partir de aí comezou unha peregrinación que a levaría a moitos lugares. Foi cursar estudos de fisioterapia en Murcia, onde ingresou no equipo local da Superliga, que ese ano quedou subcampeón. Seguidamente estivo dous anos en Benidorm para pasar despois a Albacete e regresar máis tarde a Monforte. A continuación estivo dous anos en Burgos e outros dous no Haro rioxano. No último partido da temporada con este equipo sufriu unha lesión no tendón de Aquiles e posteriormente volveu ao Emevé.

De entre as máis de cen convocatorias de María José Garrido coa selección española de voleibol, máis de corenta corresponden á selección absoluta. No seu extenso currículo figuran os primeiros postos de grupo conseguidos nas ligas europeas do 2003, o 2004 e o 2005, o terceiro posto na Savaria Cup do 2003, o oitavo posto nos Xogos Universitarios de Corea do mesmo ano e o primeiro posto no Pre-Mundial de Marsella do 2009.

Outros trofeos

A isto hai que engadir a súa participación en bilaterais internacionais coa selección absoluta e en diferentes competicións amistosas tamén de carácter internacional. Na categorías inferiores da selección conta así mesmo cun amplo palmarés, no que destaca a primeiro posto conquistado no Pre-Europeo de 1996. Mentres permaneceu en activo, a xogadora courelá foi considerada como unha das máis brillantes de todo o panorama español do voleibol feminino.