Rodríguez López ocupou máis de 40 cargos

Manuel Calvo López

LUGO CIUDAD

Gran parte do comercio de Lugo pechou o día das súas honras fúnebres

22 abr 2017 . Actualizado a las 20:00 h.

Moito máis se podería dicir de Xesús Rodríguez López, quen ao longo da súa vida foi chamado para desempeñar máis de corenta cargos, ás veces simultáneos, nos organismos e asociacións máis dispares. Velaquí algúns deles: profesor de debuxo, desinteresadamente, na Escuela de Obreros de Lugo, máis tarde Escuela de Artes y Oficios (1885); vocal da Junta Provincial de Sanidad (1889); socio de honra do Orfeón Gallego (1890); vicesecretario da Asociación de Escritores y Artistas de Lugo (1892); xunto con Pedro Gasalla e José Pigrau autor da primeira operación con anestesia total con cloroformo feita en Lugo (1893); secretario do Colegio Médico-Farmacéutico (1895); vicepresidente da Sociedad de Funerales, socio colaborador da comisión para o Congreso Eucarístico y Exposición Regional, reelixido secretario do Colegio Médico-Farmacéutico (1896); vocal da Asociación de Escritores y Artistas de Lugo (1897); representante oficial do Colegio Médico-Farmacéutico no Congreso de Higiene y Demografía de Madrid Socio Activo Necesario da Cruz Roja Española pola Asamblea de Madrid (1898); concelleiro, vocal na sección de Letras da Comisión Provincial de Lugo para o Congreso Social-Económico Americano de Madrid, secretario do xurado dos Xogos Florais do San Froilán (1900); contador do Círculo de las Artes (1901); secretario da Asamblea de Tiro Nacional, representante oficial do Concello de Lugo nas festas de coroación do rei Alfonso XIII, vocal da Junta de Instrucción Pública, segundo tenente de alcalde, médico civil da Comisión Mixta de Reclutamiento (1902); representante dos médicos da provincia no Congreso de Médicos Titulares, en Madrid, deputado provincial polo partido liberal (1903); membro fundador da Academia Gallega (1905); vocal do Grupo Esperantista de Lugo, secretario do Orfeón Gallego (1906); representante oficial do xornal El Regional na homenaxe a Curros Enríquez celebrada na Coruña (1908); socio fundador da Liga de Amigos de Lugo, representante provincial no Congreso de Obstetricia y Ginecología de Madrid (1911); presidente do Orfeón Gallego, membro de número da Asociación de Escritores Gallegos Laureados, fundada en Vigo por Ramiro Vieira Durán, vocal da Liga de Amigos, representante provincial no Congreso Médico Internacional de San Sebastián (1912); presidente da Rondalla de Lugo, tesoureiro da comisión pro estatua de Rosalía en Santiago (1913); vocal da Junta Provincial de Sanidad, nomeado pola Dirección General de Sanidad Interior (1914); vocal da Junta de la Juventud Antoniana, presidente, por aclamación, da Liga de Amigos, vocal 1º da Junta del Colegio Médico (1915), celador e bibliotecario da Juventud Antoniana (1916).

Unha doenza pulmonar en 1913

En 1913, a finais de outubro, unha grave doenza pulmonar está a piques de causarlle a morte, o seu estado é tan crítico que, agardando un desenlace fatal, adminístraselle o Santo Viático. Por fortuna o día 4 de novembro desprazouse desde Santiago o catedrático da Facultade de Medicina Miguel Gil Casares, quen lle practicou unha toracocentese baleirándolle o pulmón de abundante líquido pleural o que contribuíu a unha inmediata melloría (El Regional, Lugo, 5-XII-1913).

As secuelas da súa enfermidade actuarán moi pronto sobre a súa saúde ?o seu fillo Jesús, tamén médico, díxome que se trataba dun cancro de estómago-: nos primeiros días de marzo de 1917 a situación é xa irreversible ata tal punto que, por privilexio concedido polo bispo da diócese, atendendo á vontade de Rodríguez López de cumprir co precepto pascual, na súa propia casa diante dun altar improvisado, escoita unha misa oficiada polo seu amigo o cóengo Inocencio Portabales Nogueira asistido polo párroco de San Pedro, Avelino González. Esta foi unha das súas derradeiras vontades, gratificada porque nesta misa, tamén con privilexio episcopal, recibiu a primeira comuñón a súa filla Concepción (Ibid, 8-III-1917).

Descoñezo por completo como foron os seus últimos días; ningún medio de información se fai eco do seu estado físico nesta pequena paréntese e dúas semanas máis tarde morre despois de varios meses de loita coa morte, sempre con ánimo; no momento supremo conservou o coñecemento aspirando éter dun frasco nun desesperado intento por prolongar a súa vida. As súas derradeiras palabras foron «Adiós mundo, adiós a todos». En proba do respecto, cariño e admiración que o pobo de Lugo sentía pola súa persoa, gran parte do comercio da cidade pechou o día das súas honras fúnebres e o Orfeón Gallego, ao paso do cadaleito ante o Círculo de las Artes, cantou o «Liberame» como derradeira homenaxe ao home que dedicou toda a súa vida profesional e literaria ao pobo de Lugo e a Galicia enteira (Da súa morte falaron todos os xornais lucenses do momento e moitos outros rexionais).

Fondo sentir galego

Deixando a un lado o tratamento da súa personalidade e antes de entrar no estudo do seu traballo literario, extremadamente abondoso, quero ofrecer agora, para homenaxealo unha vez máis, unha mostra do cariño e da defensa do seu fondo sentir galego. Na Revista Gallega (n.º 78, de 3-VIII-1896) figura O GALLEGO, poema escrito en octavas reais cuxos versos non seguen o esquema da rima propio desta composición métrica, que di así na súa primeira estrofa: «Escritores d’afora, que ô gallego / como tipo de mofa presentade / eu non sei como nunca reparades, / cando á pruma lle dais tan vil emprego / que non tedes razón, e que iñorades / todo canto aquí ve calquer cego. / O gallego xa fora, xa en Galicia / leva honores de quen lle fai xusticia».

Profesor estudoso de Jesús Rodríguez López

As derradeiras palabras de Jesús Rodríguez foron: «Adiós mundo, adiós a todos»

Ante o avance da doenza, en 1917 escoitou unha misa na súa casa ante un altar improvisado

Unha incoherencia no artigo de Adolfo de Abel Vilela

O historiador Adolfo de Abel Vilela, no seu artigo do 24-III-2017 publicado neste xornal, fai ao noso autor protagonista da figura retórica «hísteron próteron» cando di: «Foi secretario do Colexio Médico-Farmacéutico que se constituíu o 21 de setembro de 1899, e representouno en Madrid, no Congreso Internacional de Higiene y Demografía (1898)». É totalmente incoherente que Rodríguez López represente en 1898, un ano antes, a un organismo que se fundou un ano despois, o 21 de agosto de 1899 (El Correo de Lugo, Lugo, 23-VIII-1899), e supoño que de Abel Vilela quere facer referencia ao Colegio Médico de Lugo propiamente dito, que non se constituíu o 21 de setembro senón xusto un mes antes, como xa dixen. Non debería ignorar o historiador que Rodríguez López foi elixido secretario do Colegio Médico-Farmacéutico, «ut supra», en febreiro de 1895 (El Lucense, Lugo, 8-II-1895); en agosto de 1899 era candidato, xunto con outros médicos da nosa cidade, pero non resultou elixido nin sequera vocal da nova institución: o secretario do Colegio Médico, en 1899, era José M.ª Almoína Vigil.