Arranca a organización do San Froilán con duras críticas do Partido Popular

lugo / La voz

LUGO CIUDAD

ALBERTO LÓPEZ

25 jul 2017 . Actualizado a las 19:34 h.

Mañá vanse xuntar algúns concelleiros coa titular de Cultura, Carmen Basadre, para falar do que será o San Froilán deste ano. Comentarán, entre outras cousas, dun posible pregoeiro e tamén dalgunhas actuacións. A concelleira do BNG, Maite Ferreiro, xa anticipou que o seu grupo reclamará unhas festas participativas, con actuacións para todos os gustos. Te pensado presentar unha lista de posibles actuacións, facendo moito fincapé en artistas e grupos galegos e tamén aportará, dixo, algúns nomes de fadistas portugueses que están a ter moita sona ultimamente.

A xuntanza coincide coas críticas que efectuou onte a concelleira do PP, Encarna Amigo. Segundo explicou, tanto as contratacións como o pregoeiro, así como o groso do programa deberían terse pechado en xullo «para resaltar, á altura que se merecen as patronais de Lugo».

«A pouco máis de dous meses das patronais aínda está sen concluír o futuro das casetas do polbo, que son un dos reclamos gastronómicos das patronais. Tampouco se coñece nada do programa de actuacións. O retraso na difusión de programas e carteis tanto no norte de Portugal, como nas cidades coas que estamos irmandados, así como na rede de albergues do Camiño de Santiago, evidencia unha nula visión dos socialistas na promoción destes festexos», argumentou a concelleira popular.

Encarna Amigo engadiu: «O intento de patrimonializar unhas festas que son de todos, aboca ao seu declive xa que para mellorar a promoción é necesario pechar con antelación as actividades e as actuacións».