«O Concello de Lugo non pode seguir con 200 prazas sen cubrir»

Marta de Dios Crespo
MARTA DE DIOS LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

ALBERTO LÓPEZ

Coa chave do goberno na man, o nacionalista asegura que «hai que cambiar moitas cousas»

29 may 2019 . Actualizado a las 12:43 h.

A revolución nacionalista tivo nome propio nas municipais do domingo. Rubén Arroxo (Lugo, 1985) fixo do BNG a terceira forza máis votada na cidade das murallas, acadando cinco concelleiros e a chave do goberno na corporación local. O seu pulo blinda a maioría de esquerdas no pleno lucense e só un pacto selado por eles é quen de garantir a continuidade de Lara Méndez á fronte da alcaldía.

-Como están?

-Ben, estamos contentos porque si que viamos que había unha percepción moi positiva durante a campaña, na rúa recibiamos moitos apoios e á xente gustáballe o noso proxecto para Lugo, pero non sabiamos ata onde podía chegar iso no resultado electoral. Estamos moi agradecidos, sobre todo ás 7.873 persoas que confiaron en nós.

-Tivo xa contacto coa militancia? Comparte ese sentimento de felicidade?

-Si, aínda que o contacto que tivemos foi o da noite electoral e xa sabemos como son as noites electorais, informais [ri]. Supoño que durante estes días xa empezarán as xuntanzas formais para analizar os resultados con outro rigor e para estudar as posibilidades que se poidan dar no futuro.

-Cales cre que foron as chaves para dar este salto e pasar de dous concelleiros a cinco?

-Penso que as chaves foron que intentamos facer un traballo durante catro anos que saíra da crispación. Sendo críticos coas cousas que o goberno facía mal, co que nós entendiamos que facía mal, pero sempre achegando propostas. Imos seguir con ese traballo. Nós, esteamos onde esteamos, non faremos crítica baleira, faremos crítica, pero cunha proposta ao lado.

-Sumando os concelleiros do PSOE e do BNG hai maioría, pero pérdese un edil na esquerda respecto ao 2015. Como o interpretan?

-Penso que afectou a división. Non fixen aínda os cálculos e non sei se sumando todos os votos que levaron os partidos de esquerdas se baixou ou non, pero supoño que a división das forzas provocou que houbera partidos que competían no mesmo espazo e que quedaran fóra. Sería unha análise rápida e sen ter feito os cálculos...

-Vostedes teñen agora máis forza no Concello. Que vai cambiar nestes catro anos?

-Sendo nós só dous concelleiros intentamos facer un traballo moi importante para Lugo e puxemos moitas propostas enriba da mesa, pero non tiñamos o peso político para que se puidesen executar. Creo que agora que somos cinco temos moito máis peso xa no Concello de Lugo, o que nos vai permitir que todo ese proxecto que deseñamos se poida levar a cabo en maior medida.

-Cal é o plan? Van pactar?

-Agora mesmo non temos nada decidido. É cuestión de tempo, porque acaban de ser as eleccións. Como che dicía ao principio, imos ter que analizar ben todo. Os veciños e as veciñas confiaron en nós, pero nós temos agora unha responsabilidade enorme co que nos vén por diante. Queremos, en base a esa responsabilidade que temos que levar, facer as cousas ben, analizando todo en detalle. Tamén, á hora de sentarmos para falar, queremos ser moi contundentes. En Lugo hai que cambiar moitas cousas porque a situación de agora non pode continuar.

-Xa falou con Lara Méndez?

-Non. Dixo que nos ía chamar, a esta hora aínda non chamou e non sei se o fará á tarde... En todo caso, máis aló de falar de negociacións o que lle imos pedir é que poña os medios a funcionar, porque a Administración segue funcionando igual, para que Lugo este ano si que teña unha zona pública de baño. Estamos en maio e aínda queda tempo, e non se pode agardar máis. Levamos moitos anos insistindo niso, demostramos que é posible facelo e está orzamentada.

-Imaxino que haberá moitas cousas que queren cambiar, pero hai un problema importante cos funcionarios, na Policía Local e cos bombeiros. Teñen pensado que queren esixir?

-Si. Aí o primeiro que hai que sacar son as prazas. O Concello de Lugo non pode seguir con 200 prazas sen cubrir, porque así é imposible que funcione a Administración. Vai ser unha das primeiras medidas que imos esixir que se leve adiante.

-Que máis quere cambiar o BNG en Lugo?

-Nós queremos aproveitar, como estivemos dicindo nesta campaña, as posibilidades que ten Lugo. Hai unha cousa que é básica: a mobilidade, a que vai ligada ao tráfico, o transporte público, etcétera. Despois para nós tamén é moi importante actualizar a estrutura dos servizos sociais, que ten moito que mellorar. Tamén, e por último, gustaríanos apostar polos potenciais que temos, como son o casco histórico e as nosas zonas verdes.

-No caso de intentar chegar a un pacto co PSOE, suporía un problema se Lara Méndez terminase imputada nalgunha causa?

-Nós aí sempre tivemos unha postura clara: nós non aceptamos imputacións por corrupción; cando falamos de suborno, cando falamos de tráfico de influencias, etcétera, etcétera. Cuestións diferentes son imputacións administrativas. Iso non é evidentemente corrupción, son outro tipo de cuestións que, sendo responsables, non se poden nunca entender igual.