O banco de Paco Pestana, diante de Ánxel Fole, xa leva o seu nome

la voz LUGO

LUGO CIUDAD

O Concello de Lugo descubre unha placa e anuncia que prepara unha gran homenaxe

15 oct 2021 . Actualizado a las 18:59 h.

O Concello de Lugo homenaxeou na tarde deste venres ao artista Paco Pestana, falecido o pasado luns, dedicándolle un banco na praza Anxo Fernández Gómez, detrás da Casa Consistorial.

A actividade de lembranza foi levada a cabo pola área de Cultura e promovida polos artistas locais Vanessa Díaz e Luciano Pérez, que se achegaron para descubrir a placa que o Concello colocou no banco onde habitualmente se sentaba Paco Pestana, xunto ao artista Otero Regal, que non puido acudir ao acto. Dá a casualidade de que o banco está situado diante da escultura de Ánxel Fole.

O acto de homenaxe municipal contou coa presenza de membros do goberno local e de representantes dos grupos con presenza na corporación. Ademais, achegáronse representantes de distintos colectivos locais relacionados coa Cultura e amigos do artista finado.

A concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, anunciou que «desde o Concello de Lugo realizaremos a mellor homenaxe posible a Paco Pestana», para o que, segundo explicou a edil de Cultura «escoitaremos as propostas do tecido cultural local e das persoas achegadas ao artista». Nos últimos días apareceron múltiples propostas a través das redes sociais, apoiadas por artistas, para lembrar a figura de Paco Pestana. 

Campaña en Change.org

Precisamente que o banco no se que soía sentar Pestana estivese enfronte da imaxe de Ánxel Fole disparou as propostas de innumerables artistas e creadores lucenses para que se faga unha estatua de Paco Pestana diante da do ilustre escritor.

Tamén un bo grupo de intelectuais lucenses se sumaron a unha campaña na plataforma Change.org para que se dedique unha rúa, unha praza ou un monumento para lembrar a figura de Paco Pestana, un creador nado en Castroverde pero moi vencellado coa cidade de Lugo e, en especial, co Museo Provincial e a Praza da Soedade.

A artista Luz Darriba, gran amiga de Pestana, iniciou en Internet a campaña de recollida de sinaturas a través da plataforma Changer.org, onde se pode ler: «Un artista fundamental para la cultura gallega acaba de morir sorpresivamente. Se le escatimaron en vida muchos reconocimientos. Pedimos que algún espacio publico de su ciudad o provincia lleve su nombre: PACO PESTANA. Solicitamos a las autoridades pertinentes que se ocupen de ello. La cultura es imprescindible, el arte es imprescindible. Sin cultura no hay identidad popular y nada tiene sentido».