O mundo chámase carballo

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

LUGO CIUDAD

ALBERTO LÓPEZ

21 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Cruzamos terras de Castroverde o pasado mércores, Margarita Ledo e mais eu, cara a casa de Romeán, onde moraba Darío Xohán Cabana xunto con Amelia, Alexandra e Leonor. A casa está a sete quilómetros de Lugo, pero nós perdemos o rumbo e entramos dende o sur por Campelo, Quetesende e Adai, abofé que dando voltas, mais guiados non tanto polo tecnoloxía dixital como polos «guepeses» humanos que dende as leiras e as encrucilladas nos ían levando cara a casa do poeta. E alí estaban os carballos, as poderosas carballeiras, acariñadas pola luz do outono, maxestosos palios enriba do camiño, case corredoira, que nos acompañaban e anunciaban que nos iamos achegando a destino. Esa noite, cando regresei á miña casa na Amaía, busquei na biblioteca Cabalgada na brétema, o derradeiro libro de poesía que Darío publicou en vida (Galaxia 2006) e que comeza así: «O mundo chámase carballo». Nin bidueiro, chopo, capudre ou castiñeiro, nin sobreira, virgondoiro ou teixo sombrío… O mundo chámase carballo. Dende que o mundo é mundo, repite.

Podería evocar a Darío Xohán Cabana de moitas maneiras. Outros estano a facer estes días. A súa obra axigantarase co tempo, estou seguro, tanto na narrativa como na poesía e noutros mesteres da escrita. Tiven a honra de ser o seu editor, tanto en Edicións Xerais de Galicia como en Galaxia, e sei da súa esixencia, do seu esmero, da consciencia e compromiso con que abordaba o seu traballo. A palabra (arrincada da lentura da terra) adquire na súa voz a dimensión poderosa de quen descobre os principios, a esencia das cousas que nomea, pois nomeando as cousas nomeamos e construímos o mundo todo. En moi poucos autores ten tanta significación a lingua nosa como na obra de Darío Xohán Cabana. Camiño de Romeán cruzámonos co Mago Antón, que viña de despedilo. Abeiramos os autos e, coma nun lóstrego, lembramos experiencias comúns, sobre todo Marga, que tantas horas de mocidade compartiu co poeta e os seus amigos daquela: Lois Diéguez, o Mago Antón, Fiz Vergara Vilariño e, sobre todo, Manuel María. Manuel foi un guieiro, referente emocional e literario de todos eles, por máis que cada quen construíse logo a súa propia identidade. Outra personalidade que marcou a vida do poeta mozo foi Xosé María Álvarez Blázquez, con quen se iniciou na arte da edición nos anos 60, na editorial Castrelos de Vigo, aqueles libriños marabillosos da colección O Moucho!

O primeiro poema de Cabalgada na brétema é un canto ao carballo e, ao mesmo tempo, un canto ao principio das cousas: a natureza, a cultura, mesmo a civilización. Así quero evocar a Darío. «Deitouse o avó dos avós á sombra do carballo…», escribe, e alí comeza todo. Ao longo das páxinas do libro, poemas de carácter narrativo os máis deles, desenvólvese a vida, a biografía do poeta, o seu mundo, os soños e as derrotas. Unha das artes de Darío Xohán Cabana, ademais da palabra, era a carpenta, a arte de traballar a madeira, igual que traballaba o verso: cerna da árbore petrucia que vive e resiste alén da caducidade do tempo.