25 anos sen Fiz Vergara: O poeta que escribiu o que a enfermidade non lle deixou expresar coa fala

Uxía Carrera Fernández
UXÍA CARRERA LÓUZARA / LA VOZ

LUGO CIUDAD

Fiz Vergara coa placa da rúa co seu nome. Acompañado, de esquerda a dereita, do exalcalde de Sarria Arturo Corral, Marnual María e Alonso Montero
Fiz Vergara coa placa da rúa co seu nome. Acompañado, de esquerda a dereita, do exalcalde de Sarria Arturo Corral, Marnual María e Alonso Montero

A súa irmá Imelda recorda na súa casa natal a vida do Fiz e valora que a súa obra siga medrando e teña máis acollida

12 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Fiz Vergara Vilariño nacía en 1953 en Santalla de Lóuzara. Nunha casa que mira de cara ao muíño que tanto o inspirou e rodeado dos paxaros que perseguía. Alí finou só 44 anos despois. Unha enfermidade muscular dexenerativa acababa de xeito precoz cunha vida dedicada plenamente á literatura. Este 2022 cúmprense 25 anos do falecemento do Fiz, como o coñecían os seus achegados e unha longa lista de intelectuais contemporáneos que o apoiaron. Para o poeta do val de Samos non se albisca ningún trazo de esquecemento, senón que o interese pola súa obra crece como tamén o fan as publicacións. Onde máis segue sendo lembrado é en Lóuzara, lugar que definiu a súa identidade e onde a súa irmá Imelda reside intermitentemente.

Imelda, non dada aos medios nin moito menos as cámaras, recorda cunha nostalxia cariñosa a intelixencia, a inquietude e a xenerosidade de Fiz. Permite o privilexio de ver a habitación do poeta, que, dende que faleceu, a súa familia conserva coma un museo. Rodeada de libros e premios, comeza falando inevitablemente da enfermidade do poeta para definir a súa vida. Vergara Vilariño sufriu unha distonía muscular dexenerativa dende os nove anos. Aínda que os primeiros anos escolares os cursou no colexio de Lóuzara, o mal resultado dunha operación fixo que tivera que trasladarse temporalmente a un colexio de inválidos en Madrid. Á súa volta a Galicia estudou nunha academia en Sarria e cursou o instituto en Lugo. Ao rematar, o empeoramento da enfermidade fixo que tivese que quedar minguado a pasar os días na súa casa de Santalla de Lóuzara. Alí estivo toda a súa vida por e para escribir, ademais de para crear un punto de encontro para amigos e familiares. Imelda asegura que, aínda que a enfermidade lle pesaba, «sempre mostraba a súa mellor cara e nos recibía cun sorriso».

«Ún quixera vencer a canseira/ arrombar a delor/ crebar as cadeas/ e cantar libremente/ unha cántiga moza nos solpores»

Escritor sen descanso

A irmá do Fiz cre que ademais da paixón pola literatura, o poeta aferrouse a ela porque o que a enfermidade lle impedía dicir falando, podíao facer escribindo. A súa relación cos libros, conta, empezou moi de novo. «Lía moitísimo e lía de todo, entre os libros que podían chegar ata Lóuzara». Na súa infancia, chegar ata Sarria aínda era un camiño a recorrer en carro e cabalo. Aínda así, os libros que ía tendo complementáronse co seu sentir coa natureza. «Na primavera, non sei como, sabía onde estaba cada niño de paxaros, sempre quería ir velos», lembra súa irmá. Fiz foi, sobre todo, un neno con moitísima inquietude. A afección de ler e o que lle inspirou a natureza de Lóuzara fixeron que cando cursaba o instituto en Lugo comezara a escribir.

Relato íntimo ao río Lóuzara: «Dezanove anos de vida / e inda zoa nos meus ouvidos / a túa cantiga soneira/ que arrolou de meniño...»

Neste centro educativo iniciou a súa relación con persoeiros como Alonso Montero, que o alentaron a producir a súa poesía. Con 18 anos publicou o seu primeiro libro Pra vós, ao que seguiron outros cinco, ademais da escolma de poemas feita por Xavier Rodríguez Barrio e Darío Xohán Cabana. A súa irmá asegura que aínda queda moita obra sen publicar: «El escribiu moitísimo, sen descanso. Non só poesía senón tamén teatro». Os poemas do Fiz tiveron un ton social pero tamén moi intimista, evocando a natureza, ao existencialismo e tamén ao amor, incluído o da súa familia. «Souben anos despois da súa morte de que me dedicara poemas», conta con emoción Imelda, observando a habitación intacta do seu irmán.

«Peito contra peito, amor. /Seremos dous na loita cotián. /Aí rapaza triste, boneca cansa de seres xoguete/ os teu labios son pincheiras cristalinas/ para os meus beizos sedentos...»

A casa natal de Santalla, un punto de encontro da intelectualidade lucense

A irmá de Fiz, Imelda, no balcón da súa casa natal, por onde pasa o roteiro que recorda ao poeta
A irmá de Fiz, Imelda, no balcón da súa casa natal, por onde pasa o roteiro que recorda ao poeta U. C.

Que Fiz Vergara pasase a súa vida na casa de Santalla de Lóuzara non impediu que estivese estreitamente vinculado á cultura lucense e galega da súa época. A personalidade do poeta samonense atraeu a moitos intelectuais ata a súa vivenda natal. Santalla foi un punto de encontro de persoeiros como Manuel María, Marica Campo, Xulio López Valcárcel, Darío Xohan Cabana, ou Alonso Montero. Así o recorda Imelda Vergara: «Ás veces simplemente viñan falar e tomar o café, pasar o día. Pero tamén lían, corrixían e traballaban nas súas obras». Tanto a súa irmá como máis achegados destacan que o escritor era moi esixente e crítico co que escribía.

Nos primeiros anos de creación despois do instituto, foi esencial para Fiz a relación co resto de escritores de Lugo. Permitiulle dar o paso a publicar os seus poemas. Algúns destes aclamados nomes rapidamente pasaron de ser mentores a seguidores e estudosos do Fiz.

«Non esperabamos que chegase a a ser un escritor tan recoñecido»

A pesar de ser un poeta novo dunha aldea de Samos, o gran recoñecemento a Fiz Vergara xa chegou en vida. Asociacións, concellos e institucións culturais homenaxearon ao escritor en numerosas ocasións. Mesmo en Sarria, dedicáronlle unha rúa.

Imelda asegura que «non esperabamos que chegase a ser tan recoñecido», pero para a familia foi unha ledicia inmensa que o lucense puidera dedicarse á literatura e que á súa traxectoria o acompañasen premios e recoñecementos. O que falta, tanto para a familia como para as asociacións creadas para manter viva a súa memoria, é a homenaxe co Día das Letras Galegas. Dende que se cumpriron dez anos do falecemento do escritor, pediuse este recoñecemento. Foi un dos candidatos para este ano, pero finalmente levouse o día a Delgado Guirriarán.

Unha asociación garda a súa memoria cun premio e un roteiro

Os libros de Fiz Vergara non son o único que queda do seu legado. En mans alleas estivo, despois da súa morte, o firme obxectivo de preservar a súa memoria. O principal perseguidor desta misión é a asociación Ergueitos. A súa actual presidenta, María Casar, foi íntima amiga do escritor, pasou moitos días na súa casa de Lóuzara e dedicou a súa tese á fala deste val.

Esta organización está detrás das principais iniciativas no nome de Fiz. Como é o premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño, que nace no 2001 e permite a novos autores publicar as súas obras. Ademais, crearon o roteiro do escritor polo val de Lóuzara, que comeza en Aira Padrón e pasa pola casa natal do escritor. Nesta iniciativa participaron varios artistas lucenses, que colocaron unha obra en cada unha das paradas. Esta ruta dinamizou o val e permite coñecer a figura do escritor alí onde atopou inspiración, coma do muíño da súa casa.

«Fáleme ti, vello muíño, men bon albeiro proletario, cobillo de amor á beira da fonte...».