Berlín interésase pola literatura de Lugo

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

El escritor de Pol Manuel Vázquez presentó en Berlín su novela  O pracer da chuvia
El escritor de Pol Manuel Vázquez presentó en Berlín su novela O pracer da chuvia CEDIDA

O escritor de Pol Manuel Vázquez presentou en Alemaña a súa novela «O pracer da chuvia»

18 ago 2023 . Actualizado a las 22:08 h.

A literatura feita en Lugo esperta un grande interese en Alemaña, onde a presentación da novela O pracer da chuvia, unha defensa do rural galego do polense Manuel Vázquez, tivo moi boa acollida. O escritor, que traballa como celador no HULA, púxose en contacto coa Asociación Cultural De Berlín Son, que preside Ana Belén Barrera, e automaticamente lles chamou a atención: «O que fai desta novela algo único é a perspectiva autobiográfica do autor e a mirada coa que analiza as persoas que o foron rodeando ao longo da súa vida. Ademais, chegou no momento xusto, porque estamos a piques de empezar un club de lectura e queriamos ver canto interese hai en Berlín pola literatura galega. Quedamos gratamente sorprendidas». O acto tivo lugar este verán na Libraría e Espazo Cultural Andenbuch.

El escritor de Pol Manuel Vázquez presentó en Berlín su novela  O pracer da chuvia
El escritor de Pol Manuel Vázquez presentó en Berlín su novela O pracer da chuvia

Esta asociación alemá ten como obxectivo a difusión da lingua e cultura galegas: «Reunímonos todas as semanas nun local onde facemos música e baile», pero tamén organizan sesións de cine, literatura... «Este ano organizamos o Día das Letras no edificio histórico Ermelerhaus, situado no Art'otel Berlin Mitte, acompañados dos nosos amigos de Latexos do Norte, do Centro Galego de Hamburgo. Eles sempre nos acompañan nos eventos máis importantes, como o desfile do Karneval der Kulturen, onde tocamos e bailamos polas rúas de Kreuzberg nun festival con máis de un millón de asistentes», detalla Ana.

Curiosidade entre alemáns

E todo aberto aos galegos, pero tamén aos alemáns e persoas doutras nacionalidades: «Os alemáns e os que non son galegos veñen moitas veces por curiosidade, porque lles cadra, pasaban por aí, e saben que hai comida, e cando chegan quedan sorprendidos e sempre repiten. A xente é moi animada. Non hai foliada na que non nos collan as pandeiretas e na que non bailen con nós», continúa Barrera.

A Asociación Cultural De Berlín Son é de nova creación: «Parece anómalo que a capital de Alemaña non contase xa cun centro galego, mais Berlín é unha cidade na que a emigración galega dos anos 60 non tivo tanta presenza como noutras rexións máis industrializadas», explica a presidenta do colectivo.

A asociación rexistrouse de forma oficial no 2019 e, na actualidade, son uns 30 socios. «Estamos lonxe de ter os miles de socios que teñen os centros galegos máis antigos, pero a nosa media de idade é moi baixa e todo o mundo ten algo que aportarlle á asociación. Grazas á implicación dos socios e socias logramos sacar adiante tantas actividades. Ademais, a xente xa nos empeza a coñecer, e todas as nosas actividades teñen moi boa acollida por parte do público xeral».