Javi Maneiro, que dará un concerto en Lugo: «Despois de estar entre a vida e a morte, 'calma' e 'agora' son as palabras que levo por bandeira»

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

<span lang= gl >O vocalista de Heredeiros da Crus, Javi Maneiro, presentará en Lugo o seu último disco, «Un bonito despertar»</span>
O vocalista de Heredeiros da Crus, Javi Maneiro, presentará en Lugo o seu último disco, «Un bonito despertar» CEDIDA

O vocalista de Heredeiros da Crus presentará o seu novo disco, «Un bonito despertar», este domingo, día 18, na Sala Jagger

16 feb 2024 . Actualizado a las 18:21 h.

Un accidente cerebrovascular marcou un antes e un despois na vida de Javi Maneiro (A Pobra do Caramiñal, 1973), cantante, compositor e vocalista de bandas como os Heredeiros da Crus ou Jabón Blue. Foi no 2022, no medio da gravación do disco e da xira con Heredeiros. Despois dun duro e longo proceso de recuperación, hai uns meses que volveu subir aos escenarios. Agora atópase inmerso na xira de presentación de Un bonito despertar, o seu último disco (o cuarto en solitario), con todos os temas en galego, e cun pop-rock cargado de enerxía. O álbum estaba case rematado cando tivo o accidente e, agora, case semella premonitorio.

Este sábado, día 17, actuará na sala Playa Club de A Coruña. E o domingo, día 18, ofrecerá un concerto en Lugo. Será ás 19.00 horas na Sala Jagger, e as entradas pódense adquirir de xeito anticipado (salajagger.com, enterticket.es) por 10 euros, ou no despacho de billetes, por 15.

—Como se encontra? Recuperado?

—Con moitas ganas e ilusión. Estou rematando a rehabilitación, deixei o tabaco, fago deporte tres días á semana... Así que estou en forma.

—Como será o concerto de Lugo?

—Haberá temas do novo disco, farei un resumo da miña carreira en solitario e tamén da miña etapa en Jabón Blue e Heredeiros da Crus. Xa tiña moitas ganas de volver a Lugo.

—As cancións e o propio título do disco estaban escritos antes de que sufrise o accidente...

—Si, fíxeno oito meses antes. En certa maneira, é un disco premonitorio, é algo moi raro, como místico, e moi emocionante ao mesmo tempo. Ademais, foi o disco que máis rápido escribín na miña vida.

—Como cambiou a súa forma de estar no mundo?

—Despois de estar entre a vida e a morte, «calma» e «agora» son as palabras que levo por bandeira. Penso máis no presente, no que teño, non no que virá, e doulle máis valor á familia.

—Como está levando á volta aos escenarios cuns temas que teñen unha carga emocional tan grande?

—É que eu necesitaba esa carga emocional, sentía que necesitaba volver a emocionarme cantando. O directo queda incrible porque, se eu me emociono, o público tamén o fai.

—Que tal está respondendo o público nesta xira?

—Xa estiven en Santiago, Boiro, Ourense... e a verdade é que á xente gústalle moito, ninguén espera algo así e levan unha gran satisfacción. Mostro un pouco máis como son, e creo que con este disco o público pode descubrir a miña persoa, máis aló da personaxe.

—Ten máis concertos previstos na provincia de Lugo?

—Si, pero aínda non teño as datas pechadas. O que teño claro é que seguirei coa carreira en solitario este verán. Levo unha gran banda comigo, son artistas incribles. Están Fernando Calvo, que foi guitarrista de Los Suaves; Manu Rey, na batería; Pachi Cruz, ao baixo; Ruben Cores, coa guitarra; e Iria Iglesias, aos teclados. Son uns concertazos de moito nivel musicalmente.