Paula Alvarellos, alcaldesa de Lugo: «Gústame ir soa pola rúa, a xente achégase máis e diche o que opina»

Lorena García Calvo
Lorena García Calvo LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

Paula Alvarellos, alcaldesa de Lugo
Paula Alvarellos, alcaldesa de Lugo Óscar Cela

A nova rexedora quere converter en rendibles as caldas, confía en abrir o novo auditorio antes do verán e avanza que xa hai congresos interesados en organizar eventos nel

03 abr 2024 . Actualizado a las 23:04 h.

Paula Alvarellos (Ponteceso, 1963) leva 50 días como alcaldesa de Lugo. Menos de dous meses nos que se mergullou en cada área e en cada recuncho da xestión municipal para poder tomar as primeiras decisións. Aínda que a persegue a imaxe de xestora, defende que o que máis a identifica é o diálogo. Dúas cualidades nas que quere fundamentar un mandato no que continuará o proxecto iniciado por Lara Méndez, pero no que non será continuista. 

-Vívese mellor como concelleira ou como alcaldesa de Lugo?

-Nin mellor nin peor, hai moita máis responsabilidade como alcaldesa e máis traballo porque tes que abarcalo todo, mentres que como concelleira tes unha área concreta.

 -No 2019, cando decidiu dar o paso de ir na lista electoral do PSOE, imaxinábase que acabaría co bastón de mando?

-Para nada. Dende o primeiro momento todo foi unha sorpresa. Cando Lara me propuxo acompañala na lista xa foi sorprendente, porque eu era só unha militante de base que colaboraba en cousas, pero nada máis. Fíxome moita ilusión, pero non estaba nos meus plans nin ser concelleira nin dedicarme á política, independentemente de que sempre me gustou e sempre tiven compromiso político.

 -Que valoración fai destes primeiros días como rexedora?

-Boa, e non é por ser presuntuosa. En 50 días fixen un bo equipo, que aínda ten que levar algún retoque, pero que é moi meu, moi persoal, e tamén porque cubrín os postos claves na cidade. Xa teño secretaria e interventor. Cubrín a dirección xeral de Urbanismo, que era algo moi pensado xa con Lara. Antes de Nadal xa estaba mirando esa ferramenta e cando se precipitaron as cousas creo que actuamos rápido. O posto é unha coordinación conxunta de tres xefaturas de servizo moi importantes e que neste momento están en pleno cambio. Houbo unha xubilación, remata unha comisión de servizo e hai outra xubilación para despois do verán. Por iso era o momento para que entrara alguén a coordinar. Creo que elixín a alguén moi válido e respectado, e estou contenta. Tento ser executiva, atender a cousas inmediatas e non tardar moito. Hai que tomar decisións, como a das terrazas, por exemplo. O meu perfil é executivo, sempre o foi.

 -O seu perfil é máis executivo ca político?

-Creo que hai un pouco de todo. Ata agora, sendo Lara alcaldesa, eu tiña un perfil máis xestor. Era voceira do goberno, pero tiña un perfil moi xestor. Pero a parte política gústame moito e tamén é moi importante. O ideal é atopar o equilibrio.

 -Aínda que se lle tentou dar unha pátina de normalidade, a súa elección como alcaldesa foi complexa porque Miguel Fernández resistiuse a deixarlle paso. Conseguiron coser as posibles feridas dese conflito?

-Non houbo conflito. É certo que eu non era a número dous e polo tanto houbo que valorar cousas en consenso entre o goberno, pero conflito non houbo. Miguel Fernández é un gran compañeiro, ten unha carga de traballo moi importante tanto no Concello como na Deputación e eu síntome apoiada por todos eles. Moito.

-Lara Méndez levaba dous mandatos á fronte da alcaldía. Como de alongada é a súa sombra?

-É unha figura moi recoñecida. Eu era parte dun proxecto do que ela era a cabeza. Non vou dicir que son continuísta porque non o son, cada un ten as súas cousas, pero si é certo que había un proxecto co que eu estou identificada e que vou continuar, dándolle a miña pegada. A sombra de Lara é moi longa en sentido positivo porque ela foi a que deseñou un proxecto transformador para Lugo. Hai que pensar que Lugo sempre foi moi coñecido polo patrimonio e a cultura, e Lara rompeu iso dicindo que tiñamos algo máis, que podiamos ser innovadores.

-E como é entón ese selo propio de Paula Alvarellos?

-É distinto, a min gústame moito escoitar. Son moi de falar, de atraer a xente cara a min. Moitas veces os despachos cómennos, non nos deixan saír, e eu loito un pouco contra iso. Ademais, a min gústame moito a xente. Eu vou soa pola rúa case sempre. Vou facer a compra, entro, saio. Gústame ir soa porque a xente achégase máis e diche o que opina. A xente xeralmente é moi construtiva e hai que escoitala. Eu son distinta nese aspecto, gústame moito a rúa.

 -A xente achégase xa a vostede como alcaldesa?

-Si, xa dende o minuto un. Sobre todo na zona centro, que é onde máis me coñecen, enseguida empezaron a dicirme: «Paula, acórdate disto e daquilo». Porque ademais, aínda tendo xente na rúa, hai pequenos detalles dos que non somos conscientes. O meu teléfono persoal énchese de fotos que me mandan con lousas subidas ou pequenos problemas, e eu derívoas aos concelleiros. A xente creo que me percibe como próxima e iso é moi bo. Tento atendelos e ser o máis executiva que poida.

«A miña prioridade será o desenvolemento urbanístico da cidade»

 -Cal vai ser a prioridade do seu mandato?

-Hai varias, pero todo o desenvolvemento urbanístico é moi importante para esta cidade. Hai proxectos que hai que sacar adiante e tamén hai que rematar os que están.

 -A que se refire con desenvolvemento urbanístico? A desenvolver áreas de solo?

 -Hai que desarrollar determinadas zonas da cidade con outro tipo de urbanismo, seguramente. Refírome a de todo un pouco. Por exemplo, tamén toda a zona do Carme. A cidade necesita tomar decisións para o futuro. Agora xa temos o 100 % do PXOM e hai que facer moitas cousas. Hai que acabar tamén todo o que temos en marcha. E temos tamén que gozar. Algo que me gustaría é imprimir na cidadanía o orgullo de ser de Lugo. Creo que non somos suficientemente orgullosos. Moitas veces non nolo permiten porque sempre hai como unha roncha, como un run run. Non é certo. Temos que estar moi orgullosos da nosa cidade. No plano persoal e anímico quero que sexamos conscientes da gran cidade que temos.

 -Vas iniciar novo PXOM este mandato?

-Levo 50 días, teño que pensalo. Ímolo ir vendo. É certo que co tempo hai que facer un novo. Temos que ver todas as necesidades.

 -Os informes de intervención e a oposición alertan de que o ritmo de gasto do Concello de Lugo é máis elevado que o dos ingresos. Cal é o plan para darlle a volta?

-Temos que recordar de que época vimos e que fixo o Concello. Non quero ser reiterativa, pero é que foron anos moi duros para todos os concellos. Non recibimos nin un só euro e tivemos que destinar os recursos municipais para atender a moita xente. Como dicía Lara, tratábase de non deixar a ninguén atrás, e iso supón mobilizar moitísimos recursos. Logo, cando viñeron os Next Generation, nós apostamos por eses fondos, pero non son gratis. Hai unha porcentaxe moi alta que sae das arcas municipais. Intervencións que se tiñan que ter feito hai tempo non se puideron facer porque a pandemia nos cambiou o paso. Somos conscientes de que agora hai que levar unha política de contención de gasto, na que xa estamos, e equilibrar as contas e haberá que tomar determinadas medidas que son normais, como pedir o préstamo. Temos capacidade suficiente para solicitalo e este é o momento. Hai medidas que xa están funcionando, como a inspección de tributos, que xa está dando resultados.

 -Contémplase subir tributos?

-Por agora estou en estudo. Moitas veces é executar o que temos, porque hai ferramentas que non se executan e están aí. O que non vou permitir é que se resintan os servizos sociais nin os servizos públicos. 

 

Paula Alvarellos, alcaldesa de Lugo
Paula Alvarellos, alcaldesa de Lugo Óscar Cela

«Creo que se lles pode sacar rendabilidade ás caldas»

-Que vai facer coas caldas? Manteráas abertas a pesar de non estar sendo moi empregadas?

-Teñen moitísimas posibilidades e creo que se lles pode sacar moita rendibilidade. Estamos facendo un estudo, preguntei por gastos, ocupación, períodos, e en función de todo isto decidiremos. Creo que se lles pode sacar incluso rendemento económico para a cidade. Que sexa para todos os lucenses, pero ao mellor pódenselle dar outras voltas. Sendo cousas públicas, hai que tentar sacarlles rendemento, o exemplo é o Museo Catedralicio. Ata a Igrexa se modernizou, nós ao mellor tamén temos que facelo.

 -Cando se vai abrir e con que servizos o Impulso Verde?

-Vai levar algún servizo municipal e agardo ser rápida na decisión. Xa se ofreceu algún servizo para ir para alí. Estamos vendo posibilidades.

 -A súa idea é manter o carril bici a pesar do seu pouco uso?

-Está pasando en moitísimas cidades, nós temos unha cidade moi complexa nese aspecto, o que temos é que fomentar a mobildiade. Estamos elaborando unha ordenanza de mobilidade coa que creo que tamén poderemos facer moitas cousas e eu creo que no futuro imos estar orgullosos do noso carril bici. Hai que fomentalo.

-O centro está en plena peonalización, pero que vai pasar despois? Buscarase o xeito de potencialo?

-Potenciar o centro é fundamental. Ten que ser o corazón cultural, non só do comercio e da hostalaría. Creo que hai que vender moita cultura e moito patrimonio e gran parte do patrimonio está en zona centro. Este tamén é un dos obxectivos do meu mandato, esa parte patrimonial que temos poñela máis en valor, facer rutas e máis cousas. 

 

«Hai congresos que xa están interesados no novo auditorio»

-Cando se abrirá o novo auditorio?

-Non é inmediato, pero é próximo. Espero que antes do verán. No goberno estamos estudando a forma de xestión que terá e o tipo de apertura. Pedimos exemplos doutros auditorios. A xente só pensa nas salas, pero o auditorio é moito máis, é perfecto para congresos, exposicións… Xa hai congresos que están preguntando. Teño moitas ganas de abrilo, igual que todo o goberno. Pero para abrilo o camiño foi tortuoso porque non había ningunha seguridade, as garantías estaban caducadas… a execución material era terrible.

-E como se vai decidir o nome?

-O nome non o falei aínda, pero terá que ser de consenso. Se hai algo que me define a min é o diálogo. Falarémolo, algo que nos guste a todos. Creo que aquí tamén ten que intervir todo o goberno porque representamos a unha cidade.

 -Como está o trámite para cambiar o PXOM no Garañón? Tiveron algún contacto co Banco Santander? 

-Seguimos a folla de ruta, o importante para nós era primeiramente derrubalo e xa se fixo. Agora estamos coa modificación do PXOM e o obxectivo é que sexa zona verde. Dende que eu son alcaldesa non mantiven contacto co Banco Santander. Non quero aventurar nada, iremos vendo, son procesos xudiciais e todos sabemos como poden desenvolverse, pero ata o de agora a sensación que teño é boa. Tivemos un xuízo a semana pasada e creo que todo vai moi ben.

 -Como está o cambio de uso da parcela do Castiñeiro?

-Leva o seu tempo. Foi unha das parcelas que ofreceramos para comisaría. Nós imos defender a demanda dos veciños de que alí non se constrúa máis vivenda pública, poden facerse outros equipamentos que necesita ese barrio tan poboado. Nós queremos facer a permuta en función do Sagrado Corazón. En canto esta estea feita, iremos coa outra.

 -Este vai ser un mandato de investimentos ou de finalizar proxectos? Hai algún que lle gustaría poñer en marcha?

-Algo que sempre pensei, como veciña de Lugo, era que me gustaría a mellora da avenida da Coruña. Sei que non vai ser agora, pero creo que sería fundamental. Agora estamos nun momento no que temos que rematar o que temos. Imos ter dous anos de obras do ADIF e creo que é o momento de tranquilizarnos, acabar ben todo. Non quero perder determinados fondos que poidan aparecer, pero se hai algo que me gustaría facer, non agora, é toda a avenida da Coruña. Sería un bo bulevar porque ademais funciona como unha espiña de peixe que irradia a toda a cidade.

 -Vostede herda conflitos como a praia fluvial ou San Fernando, como vai tentar resolvelos?

-Probablemente teña que viaxar moito a Madrid para unhas cousas, pero para outras non teño que ir a ningún lado. Nós xa propuxemos moitos sitios para a praia e xa, por último, dixemos que nos digan onde se pode poñer. Os lucenses merecemos esa zona de baño pública. Que nos digan onde, estamos dispostos a escoitar. Agora o debate son as plataformas, cando antes eran os mexillóns. Eu só pido que me digan onde, e despois falamos. 

 -Van tentar abrir este mandato algún aparcamento disuasorio máis? 

-Vai haber disuasorios permanentes novos, como o da igrexa do Carme, e estamos mirando varios máis. O do ADIF é temporal. Ata xullo van coexistir as obras con Correos, que non ten previsto ter a nave ata entón, polo que nós tamén ofrecemos buscar esa alternativa temporal.

«Tensionar, crispar, mentir e terxiversar non é a mellor forma de facer oposición»

-Como valora a oposición do Partido Popular?

-A oposición cambiou. Nunca vin a Rubén Arroxo enfadarse nun pleno como o fixo no pasado, e iso é indicativo. Eu creo noutro tipo de oposición, máis construtiva, á que cando a chamas está aí, non a de poñer sorrisos e logo pegar martelazos. Incluso sería bo que repensasen ese afastamento que detecto respecto á sociedade, porque é imposible que todo sexa negativo, se só se ve o malo é que non é certo. E tensionar, crispar, mentir e terxiversar non é a mellor forma de facer oposición.

 -Como é a relación co seu socio de goberno, o BNG de Arroxo?

-É unha relación boa. A miña forma de traballo é sempre o diálogo e Rubén e eu mantemos un diálogo fluído e constante.

 -Cal é a saúde do PSOE local despois da marcha de Lara Méndez e o batacazo nas autonómicas?

-Estamos nun proceso de cambios. Para as primarias só vai ir Besteiro e estamos moi contentos. Dende Lugo tiñamos moi claro que é a persoa idónea para asumir a secretaría xeral. Cremos moito nel. Pedro Sánchez díxolle que era o desexado e o agardado, e que ninguén dea un paso á fronte corrobora iso. Creo que nos faltou tempo, pero estou segura de que fará moi bo traballo porque é moi de facer equipos. Sobre a marcha de Lara, ela non formaba parte da executiva local que eu presido. Estamos nun momento de cambios e en canto se faga o congreso extraordinario iremos facendo cambios. Confiamos moito no traballo de José Ramón, que escoita moito e une moito. 

-O día 18 constitúese o novo Parlamento e Lara Méndez deixará o Concello.

-Lara xa presentou a renuncia, pero no pleno tomarase razón e despois hai que mandar o acordo do pleno á Xunta Electoral. Entrará Ángeles Novo.

-Con quen se aconsella Paula Alvarellos á hora de tomar decisións?

-Teño xente boa arredor e teño moi bos técnicos. A min gústame pedir consello e contrastar antes de tomar decisións. E logo, teño un gran conselleiro, que é o meu marido. É moi obxectivo, ve as cousas máis aló do ruído. Levamos 44 anos xuntos e aconséllome moito con el.

-Está contenta co equipo que formou no Concello?

-Si, estamos moi compenetrados. Os últimos que entraron foron Pablo e Jorge e estamos complementándonos moi ben. Cando Lara se foi levabamos só seis meses e foi un sobresalto, pero encaixamos ben. Síntome moi apoiada por eles.