Unha reflexión sobre A Ulloa, desde a mirada das mulleres

Laura López LUGO / LA VOZ

MONTERROSO

Unha mostra aberta na Deputación de Lugo dá voz ás veciñas ulloás para expor a súa visión sobre o territorio

23 oct 2021 . Actualizado a las 17:33 h.

Unha ollada sobre A Ulloa, unha reflexión sobre o territorio e as súas xentes é o que propón a exposición Fotografías centrípetas. A Ulloa. Olladas femininas sobre o territorio e as súas xentes, que se pode visitar na sala de exposicións do Pazo de San Marcos. A mostra, impulsada polo Instituto de Estudos Ulloáns (IEU) e a Rede Museística Provincial, pon en diálogo diferentes olladas de mulleres ulloás sobre o seu propio territorio, con propostas fotográficas que parten dunha reflexión, crítica ou posta en valor dalgún aspecto relacionado coa comarca.

Patricia Coucheiro, unha das comisarias da mostra (xunto a Susana Varela) e coordinadora da sección de audiovisuais do IEU, explica que a exposición e o punto e final dun proceso: «Quixemos abrir a participación á veciñanza da Ulloa para ver as visións que temos sobre o noso territorio as mulleres da Ulloa, facendo todo tipo de lecturas, en clave social, económica, histórica, pedagóxica...». E tamén desde miradas de todo tipo: «Anotáronse máis de quince persoas, que realizaron un traballo de reflexión sobre o territorio, que é o principal obxectivo, máis aló das fotografías», sinala. As autoras proceden de ámbitos profesionais e universos vitais moi diversos: bibliotecarias, mestras, gandeiras, estudantes, traballadoras do fogar, hostaleiras, muiñeiras, deseñadoras gráficas, fotógrafas, cantareiras, nais, fillas, veciñas...

«Sorprendeunos moitísimo a participación, porque foi en pandemia e porque a maioría non son fotógrafas profesionais», recoñece Coucheiro. Pero as mulleres implicáronse e comezaron facendo un fondo proceso de reflexión: «Producíronse situacións coas que non contabamos, como as conexións entre as profesións das autoras e as súas reflexións, iso condicionou moito en que se fixaba cada unha. Tamén houbo traballos colaborativos entre nais e fillas...». Entre os temas que trataron están a pegada humana no territorio, a simboloxía nas construcións relixiosas, a riqueza do bosque autóctono, a perda de fontes e currupias, o traballo manual como identidade, o valor do coñecemento vinculado aos oficios tradicionais...

Así que as 18 mulleres, coas súas 15 propostas, traballaron os temas, acompañáronos de fotografías e textos e todo o material arquivouse. Agora pode contemplarse na exposición da Deputación, que máis tarde irá ao Castelo de Pambre e a outros lugares da Ulloa. Tamén organizarán un obradoiro de fotografía antropolóxica. Ademais, o ano que vén publicarán un libreto que recollerá o traballo realizado por estas mulleres.

Quince prismas diferentes

Os quince proxectos sobre os que transita esta mostra abren multitude de relatos «que exploran e vinculan a súa memoria íntima ao latir do territorio», segundo conta a organización. Gina Gisbert e Kika Ramil realizan unha viaxe por diversas aldeas de Palas, Monterroso e Antas para conectar co mundo da simboloxía máxica das igrexas en Símbolos máxicos da Ulloa. A serie fotográfica Tránsitos en cambio, de Dosinda Nélida Vilameá Diéguez configura un paseo polos vestixios do paso do tempo, mentres Natalia Varela Cadahía, en Ao outro lado da paisaxe. A desromanización do rural, pretende romper coa imaxe idílica do rural. O coidado da terra e os oficios tradicionais son os temas elixidos por Sara Coello Sánchez en Alicia. Memoria e identidade únense no audiovisual A vida nas maus, de Antía Montes Coego. Mentres que Sandra Goded Millán, en Carballeira da Ulloa. Tesouros que se están perdendo cada día, busca sacar do esquecemento a natureza. Os lavadoiros e as fontes son rescatados por Lúa Catuxa Aguete Naveira e Pilar Naveira González en Auga, mentres as fotografías de Mercedes Somoza López amosan a pegada do ser humano no territorio en Natureza humana. As imaxes industriais contrastan en Centro Xeográfico de Galicia, de Patricia Coucheiro González, e a memoria e o abandono aparecen tratados en Camiños, carreiros e corrupias... onte vivos... hoxe mortos, de Hilda García Cabanas e Ruth Julia López. Pola súa banda, María das Mercedes Grueso Valiño fala de escola e educación en Onde ser mestra. En canto a Silvia López Cabanas, ofrece unha sorte de diario persoal en Natureza como escenario de paz, calma, serenidade e cura. Meniñas da Ulla... de Susana Varela Negro reflexiona sobre a importancia de manter vivo o rural, mentres Clara Blanco Taboada trata en Amputados sobre costumes e esquecemento. E a beleza do territorio queda reflectida en Círculo entre paz e árbores, de Teresa Batán Vázquez.