San Cidre

XESÚS MATO

PARADELA

Á BEIRA DO CAMIÑO | O |

12 may 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

A FESTA do San Cidre lémbranos a vella e rica Galiza rural, a piques de perder a súa identidade e de morrer afogada por esta aloucada sociedade urbanizada e globalizada. O imparable abandono do rural agrava a desfeita, medrando a soidade e a pobreza. Esta semana celebran festa na provincia de Lugo as freguesías de Sexosmil (Meira), San Xoán de Lóuzara (Samos) e Viduedo (Triacastela). Tamén fan festa/feira os labregos/as de Sarria, Paradela, Castro do Rei e o barrio urbano da Piringalla en Lugo/cidade. O Movemento Rural Cristián celebrouna onte na zona de Mesía (A Coruña). Co lema Coidando a terra para a vida, centos de labregos/as denunciaron o abandono do noso agro que está a perder seis empregados por día (96.162 entre 1995 e 2006), os abusos nos prezos dos intermediarios (subiron o 2000% na carne de polo, o 377% na do porco e o 165% nas patacas) e o feito de que 15.000 gandeiros se enfronten á inevitable crise. Dos 54.490 inscritos na agraria, o 92% son por conta propia. A baixada de prezos chega cando a produción sube. Hai 230 cooperativas bloqueadas por falla de industrialización. Con este panorama é difícil celebrar con fe e ledicia a festa do patrón. Pero aínda lles quedan folgos a estes milleiros de labregos para compartir sementes autóctonas e cantar: San Cidre, santiño amigo - patrón da xente labrega - ti que soubeches xuntar - o culto coa fe e a terra - axúdanos a confiar - no Deus que cura e libera (M. Regal).