«Temos que perder medo ás masaxes cardíacas porque se poden salvar vidas»


lugo / la voz

Inés López é natural de Foxos, en Pedrafita, e exerce como médica de Urxencias no Álvaro Cunqueiro de Vigo.

-Por que se animou a facer estes obradoiros?

-No verán, na festa que organizan as anpas da montaña, falamos de facer algo que axudase e mentalizase no ensino. Os que saímos da montaña sabemos as condicións de vida que hai e nunca damos devolto o que a montaña nos deu.

-Como foi traballar cos nenos?

-Moi ben, porque son un colectivo moi aberto e supuxo unha experiencia nova. Ademais, nos centros foron todo facilidades. Primeiro dábamos unha introdución e logo facíamos probas e manobras de reanimación cardiopulmonar básica. Quedei abraiada cunha nena de 8 anos por como era capaz de facelo.

-¿Son complicadas as técnicas?

-Non, pero fai falta formación. A xente ten que perder o medo a actuar ante un paciente con parada cardíaca. A situación que ten diante non pode ir a mellor, por iso todo o que se faga será un beneficio que pode salvar vidas ou evitar danos neurolóxicos. Cando vou na ambulancia a un aviso deste tipo, sempre desexo que haxa alguén que polo menos poda facer algo. Creo que a acción de reanimar é un acto de solidariedade e xenerosidade cara a sociedade, e no meu caso, un compromiso coas persoas e, especialmente, coas da montaña.

Votación
0 votos
Comentarios