José Luis Raposo, alcalde de Pedrafita: «Imos celebrar a feira das feiras, mellor ca antes da pandemia»

Laura López LUGO / LA VOZ

PEDRAFITA DO CEBREIRO

José Luis Raposo, alcalde de Pedrafita
José Luis Raposo, alcalde de Pedrafita OSCAR CELA

A comarca recupera o día 15 a Feira do Queixo do Cebreiro cuns 175 postos, naves reformadas e dúas grandes áreas de aparcamentos

14 abr 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Dous anos sen feira do queixo do Cebreiro dan para moito: para que a volta se viva con máis ganas, pero tamén para que ese retorno sexa aínda mellor ca antes. Así o explica o alcalde de Pedrafita, José Luis Raposo, que detalla os pormenores da XXXIV Feira do Queixo do Cebreiro, que se celebra o día 15, Venres Santo, como marca a tradición. A feira, declarada Festa de Interese Turístico de Galicia, abrirá as súas portas ás nove e media da mañá.

—Por fin volve a feira...

—Pois si. Estes días estamos traballando con moita intensidade, pero a verdade é que levamos dous anos traballando na feira, aproveitamos o parón da pandemia para iso. Reformamos unha nave, temos espazos de mellor calidade, novos estands... Creo que imos celebrar a feira das feiras, mellor ca antes da pandemia. Ademais, vén bo tempo e hai moitas ganas de feira.

—Como será o programa deste ano?

—Teremos as catro naves completas, cuns 175 postos de todo tipo, desde embutidos, ata artesanía, doces... e, por suposto, queixos. Tamén haberá animación musical (charanga Dende Galicia Tocando DGT e Asociación Cultural Abrente, de As Nogais), postos de polbo de catro «pulperías», con carpas, e contamos co presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, para dar o pregón (13.00 horas). A verdade é que en Pedrafita colléuselle moito aprecio á Deputación e a José Tomé porque nunca escatimaron con este municipio. Ademais, hai pouco inauguramos a residencia, e niso tivo todo que ver a Deputación e o Concello; era un servizo moi necesario e os veciños valórano moito.

—Canta xente agardan o venres?

—É difícil de saber, pero hai aparcamentos suficientes, con dúas grandes zonas: a área da autovía e a do mercado gandeiro. Agardamos moita xente porque hai ganas de feira. Ademais, hai turistas que veñen pasar tres ou catro días pola zona e aproveitan para vir á feira. Tamén, ao ser Semana Santa, parte da feira fáinola a xente de León, que xa nas feiras mensuais veñen aínda que só sexa para comer o polbo.

—Que supón para Pedrafita esta cita?

—Foi un éxito empezar con estas feiras. Ao principio, eran cada tres anos, pero aquí decidimos despois facelas anuais, e en Semana Santa. Foi un acerto e deuse a coñecer o produto por toda España. Aínda que se dicía que antigamente este queixo se vendía ás Cortes de Lisboa, houbo uns anos nos que se paralizou a venda. Hai 36 anos, unha veciña, a señora Encarnación, contábame que só vendían o queixo no Nadal. Porén, agora sácanllelo das mans todo o ano. En canto ao municipio en xeral, esta feira supón unha inxección económica importante. Tamén para toda a comarca, porque chega a xente a comer a lugares coma Becerreá ou Valcarce. Ademais, é unha forma de dar a coñecer Pedrafita.

—Con que orzamento conta a feira?

—Son uns 6.000 ou 7.000 euros, a pesar de que unha feira destas dimensións e características custaría cerca de 50.000 euros. Pero nós temos os estands feitos dun ano para outro, non alugamos carpas porque temos as naves, traballa persoal do Concello... e con iso aforramos moito.