A olería de Samos revive despois de setenta anos cunha fornada histórica

LAURA LÓPEZ LUGO / LA VOZ

SAMOS

O ceramista Lolo Fernández guiará mañá en Roxofrei a cocción das pezas que reproducen as formas tradicionais

02 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha fornada histórica dará vida de novo á olería de Samos, un dos catro centros alfareiros que operaron na provincia -xunto a Bonxe, Gundivós e Mondoñedo-, que deixou de producir hai uns setenta anos. O ceramista de Anseán (O Corgo) Lolo Fernández guiará mañá en Roxofrei (parroquia de Loureiro) a cocción dunhas pezas que reproducen as formas tradicionais desta olería e que foron elaboradas nun obradoiro que este mesmo artista impartiu no Mosteiro de Samos. A fornada, á que están convidados a asistir todos os interesados, comezará sobre as nove de mañá.

O acto vai más aló dunha cocción de pezas, que ademais están elaboradas con barro recollido no municipio; esta será a primeira vez en máis de sesenta anos que se cocen pezas da olería de Samos. Ademais, a fornada farase no forno de Roxofrei, fronte á casa de Lulle, que leva un século sen cocer. De feito, a maioría dos veciños da zona descoñecía que alí había un forno. Foron catro lucenses -entre eles, o propio Lolo-, os que hai catro anos limparon e restauraron esta estrutura. Con este traballo recupérase unha arquitectura popular e, por tanto, unha parte da historia local recente.

Un dos impulsores desta recuperación é Hixinio Flores, que ademais foi comisario da exposición que no 2013 acolleu a Capela de Santa María sobre olería lucense, e da mostra de olería de Samos que acolleu primeiro o Museo Provincial de Lugo e logo o Museo do Pobo Galego, para dar a coñecer o traballo dos chamados «barraxeiros». Segundo Flores, o forno de Lulle esperta un grande interese entre os historiadores; se a arquitectura que rodea a olería de Samos xa é de por si «atípica» -pois presenta unha tipoloxía ben diferenciada da que hai no resto da provincia, explica Flores-, o de Roxofrei encerra máis misterios ao atoparse illado, xa que a maioría dos fornos estaban en construcións da casa.

O propósito destes lucenses, que xa crearon a Asociación pola Recuperación da Alfarería Popular de Samos, non queda nesta fornada, senón que queren seguir indagando e divulgando esta olería, ademais de recuperar o patrimonio: «Polo menos hai cinco fornos recuperables en Samos», explica Hixinio Flores. Aínda así, matiza que é necesaria unha maior implicación por parte das autoridades: «Sen vontade da Administración non se pode facer nada».